martes. 03.02.2026
El tiempo

O MercaEscola volve encher de vida o Mercado carballés

Daniel Perez e Ramon Varela en Carballo
Daniel Pérez e Ramón Varela presentando o programa
O MercaEscola volve encher de vida o Mercado carballés

Por algo é un dos 4 Mercados Excelentes de Galicia. Porque coidar un mercado municipal é moito máis que manter os postos ocupados e as infraestruras limpas. Coidar un mercado é darlle vida, xerar acontecimentos ao seu arredor para que as actividades se retroalimenten coa oferta de produto local.

Poucos concellos téñeno tan claro como o de Carballo, que volve prepara un programa con 13 actividades gratuítas do 2 de marzo ao 25 de maio. Un programa, o MercaEscola, que ademais nos serve á veciñanza para aprender a consumir e a reflexionar sobre como compramos, a través de charlas, obradoiros, sesións informativas, proxeccións e saídas guiadas.

O concelleiro Feiras e Mercado da área, Ramón Varela, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron a programación, composta por 13 actividades, estruturada arredor de catro grandes bloques temáticos: consumo, saúde, servizos públicos e medio ambiente, cun formato aberto e participativo que busca achegar ferramentas prácticas para o día a día ao tempo que promove o mercado como un lugar vivo, útil e comunitario.

“MercaEscola é unha forma de achegar o mercado á veciñanza desde outro enfoque: como un espazo onde tamén se vén aprender, informarse e compartir. Con esta programación queremos dinamizar o Mercado Municipal e facer que a cidadanía o sinta como algo propio, útil e vivo ao longo de todo o ano", explicou Varela.
“Con MercaEscola facemos do Mercado Municipal un espazo útil, vivo e participativo, que vai máis alá da compra diaria: é un punto de encontro onde a veciñanza pode aprender, informarse e compartir experiencias sobre cuestións que nos afectan a todos, como o consumo, a saúde ou o coidado do medio ambiente”, engadiu o alcalde.

A participación en todas as actividades é de balde, con prazas limitadas, e require inscrición a través da web carballo.gal.

Programa Merca Escola Carballo 2026 2

Programa Merca Escola Carballo 2026 1

Colaboración e agradecementos

A iniciativa conta coa colaboración das áreas municipais de Cultura e Festas, Servizos e Medio Ambiente, Mobilidade e Policía, Arquivos e Bibliotecas e Comunicación, así como coa participación de profesionais e entidades como o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), o Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía da UDC (GRICA-BIOpast), o reumatólogo Francisco Blanco, Aqí&Agora Centro de Mindfulness, Gestagua e Rocío Díaz Fisioterapia.

Comentarios