O rock volve encher o Mercado de Abastos de Muros no ciclo Sons no Mercado
Despois do éxito da festa inaugural, o ciclo Sons no Mercado viviu onte, sábado 28 de febreiro, unha das súas xornadas máis multitudinarias coa actuación das bandas Lija y Terciopelo (tributo a Marea) e A Pelo (tributo a Platero y Tú), reunindo arredor de 200 persoas no Mercado de Abastos de Muros.
A xornada estivo marcada pola intensidade e pola participación do público, que acompañou cada tema nun ambiente musical arredor do rock estatal. A resposta confirma o éxito desta programación cultural impulsada pola ACRD Praia do Castelo, que consolida o Mercado de Abastos como un espazo de referencia para a música en directo na vila.
A boa acollida do público reafirma a aposta por unha programación estable ao longo do ano, que busca ampliar a oferta cultural de Muros máis alá dos grandes eventos puntuais.

Seguinte cita
O ciclo Sons no Mercado continuará o vindeiro sábado 7 de marzo cunha xornada dedicada ao jazz, coas actuacións de Mirto e Amaro Sampedro Quartet, ampliando a diversidade musical da programación.

