Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Espiral Maior Foro celebra hoxe o Día da Poesía cun completo recital de voces emerxentes

Dia Mundial da Poesia Espiral Maior
Espiral Maior Foro celebra hoxe o Día da Poesía cun completo recital de voces emerxentes

Hoxe martes, 21 de marzo, ás 20:00 h. terá lugar no espazo cultural de Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34), un acto
poético-musical para celebrar o Día Mundial da Poesía, festividade proclamada pola UNESCO no ano 1999 e coincidente co inicio da
primavera. Conmemórase así a expresión e identidade lingüística da humanidade, a través dun xénero practicado ao longo da historia
en todas as culturas e en todos os continentes.

Organizado por Espiral Maior Foro en colaboración coa Asociación Cultural Lumieira, no acto participarán 6 importantes poetas
emerxentes, voces do presente e do futuro, de Carballo, Bergantiños e da Costa da Morte —todos eles con poemas e libros
publicados—, configurando así unha constelación plural e diversa de poéticas que confirman o gran poder creativo e literario actual,
unha realidade poética esta que xa tivera no seu día como fito, hai máis de 25 anos, a aparición do Batallón Literario da Costa da
Morte.

Os poetas participantes no acto para declamar os seus versos son Raúl Herrera (Carballo), Ainhoa Conde (Cee), Ronsel Pan
(Arteixo), Juan Couto (Carballo), Natalia Lema (Vimianzo) e Diego Cousillas (Malpica de Bergantiños). E o acto contará coa
intervención musical ao vivo (“concerto de salón”) do grupo musical carballés Chicharrón, que, con dez anos de existencia, prepara a
saída inminente dun novo disco, “O que nos queda por dicir”, título inspirado nun verso da poeta uruguaia Ida Vitale.

Comentarios