Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Ferrero conseguiu trasladarlle a Feijoo os cinco proxectos estratéxicos para o futuro de Carballo

Ferrero conseguiu trasladarlle a Feijoo os cinco proxectos estratéxicos para o futuro de Carballo
Feijoo e Evencio Ferrero Feijoo escoitou, por fin, a Evencio Ferrero

Só levaba un ano esperando o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, por ter unha entrevista co alcalde da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Conseguiuno este pasado mércores 28 de febreiro, e aproveitou esaa primeira cita cara a cara, para trasladarlle cinco cuestións “estratéxicas” para o desenvolvemento do municipio a curto e medio prazo: A circunvalación, a expansión do solo industrial, a travesía de Bértoa, o abastecemento de auga á zona de Baldaio e o plan de xestión do risco de inundacións.

Circunvalación Unha desas cuestións estratéxicas é a variante de Carballo, unha circunvalación que evite o paso pola trama urbana do tráfico pesado que se dirixe cara o sur de Galicia, e que, ademais, vai a máis a medida que aumenta a implantación de empresas nos polígonos de Bértoa e A Laracha. Evencio Ferrero lembrouse ao presidente da Xunta que xa existe un proxecto elaborado hai uns dez anos por un importe de 14 millóns de euros, pero, segundo os datos ofrecidos hoxe por Núñez Feijoo, o investimento na circunvalación acadaría os 28 millóns de euros. “Somos conscientes de que non hai recursos para todo, pero gobernar é decidir e priorizar”, apuntou o alcalde.

Expansión do solo industrial

Directamente relacionada coa variante está a expansión do solo industrial, dado o bo ritmo de venda de parcelas en Bértoa. O alcalde de Carballo insistiu na necesidade de desenvolver os sectores A e B, nos cales, ademais, Xestur xa ten a propiedade de parte do solo. O presidente da Xunta concordou con Evencio Ferrero en que a implantación de industrias debe ser unha prioridade, e en que unha reactivación económica non pode estar freada pola falta de solo industrial, e nese sentido comprometeuse a trasladarlle os datos a Xestur.

Travesía de Bértoa

O alcalde tamén solicitou que se complete a urbanización da travesía de Bértoa, un proxecto que suporía un custe aproximado de 1 millón de euros e que permitiría completar a humanización e mellorar a seguridade nunha vía pola que circulan a diario miles de vehículos. O Concello de Carballo estaría disposto a cofinanciar as obras e a asumir, unha vez realizadas, a titularidade da vía.

Abastecemento e inundacións

O alcalde reivindica que por parte da Xunta se retome o proxecto de abastecemento á zona de Baldaio, que xa figurou nos orzamentos da Xunta pero que non chegou a materializarse. Neste caso sería preciso un investimento de 1 millón de euros que permitiría dar servizo a todos os núcleos de máis de 50 habitantes. Por último, Evencio Ferrero abordou con Núñez Feijoo a necesidade de desenvolver un plan específico para a xestión do risco de inundacións, xa que na área de risco potencial significativo de inundación delimitada pola Xunta está incluída unha parte importante do casco urbano, unha das empresas máis importantes da zona, 2.099 habitantes, 4 centros educativos e a estación de autobuses.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios