Guía para gozar, e sobrevivir, ao Nadal en Carballo
Este xoves 5, ás 18:30h, Carballo prende o Nadal co acendido das luces, con chocolotada incluída. Albíscanse xa unhas datas cheas de ilusión, e de líos para todas as familias. Podedes ver o programa completo e as ligazóns para a inscrición nos obradoiros en carballo.org pero por aquí facemos un repaso das citas máis singulares, e as opcións de conciliación que nos permitirán sobrevivir a estas datas.
“O que se busca é que o Nadal en Carballo sexa un Nadal diferente. Non queremos competir con ninguén, senón que nesta época na que o comercio gaña tanto protagonismo a xente se sinta a gusto en Carballo, que os nenos e nenas teñan moitas opcións e que a veciñanza desfrute da rúa e do comercio carballés”, concluíu o alcalde.
Programa
Co epicentro na carpa sita da Praza do Concello, pero con actividades tamén o Pazo da Cultura, o Fórum, as Escolas do Xardín e o mercado municipal, “este ano o Nadal en Carballo será para todos e para todas”, como rezaba aquel famoso anuncio dos primeiros anos 2000.
O programa, que dura un mes, comeza co singular Mercado da Ilusión, do 5 ao 8 de decembro; ou a Feira Doce, que se celebrará na fin de semana do 28 e 29, coincidindo co feirón.
Mención merece o Nadal Pequespectacular, que, coma sempre, ofrecerá tres espectáculos de circo, teatro e maxia primeirísimo nivel, este ano chega o Nadal Rebuldeiro, pensado para facer moverse á rapazada.
E pensando no público adulto ofrecen tamén propostas diferenciadas, como os cursos de cociña de Nadal que se impartirán os sábados 14 e 21 na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo ou os bailes dos domingos.
O día 29 celebrarán un baile para todos os públicos na carpa da Praza do Concello, con cotillón, música e animación.
Nadalcamps de Conciliación
Os Nadalcamps son a proposta de actividades de conciliación durante o Nadal para familias con fillos e fillas de todas as idades.
Un será o “Xogamos no mercado”, un campamento que se desenvolverá na planta alta do mercado municipal os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2024 e 2 e 3 de xaneiro de 2025, cun horario de 10.00 a 14.00. Ao longo desas dúas semanas, a rapazada participará en obradoiros de cociña e manualidades, xogos e outras actividades.
O Campus xuvenil, que se celebrará nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, e ademais, este ano hai un Campus tecnolóxico para maiores de 16 anos que se desenvolverá nas instalacións da Aula CeMIT, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura.
Tamén estará activo un dos recursos permanentes é o programa Concilia, que en períodos vacacionais sae dos centros escolares pero séguese prestando nas instalacións da empresa responsable do servizo. Os escolares de tres a doce anos que o utilizan durante todo o curso terán preferencia na adxudicación de prazas, pero este ano, por primeira vez, abrirase tamén a outras familias sempre que queden prazas dispoñibles. O horario é moi amplo, xa que non varía con respecto aos períodos lectivos. Deste xeito, os nenos e nenas poderán utilizar o servizo desde as 07.00 ata as 14.30 horas. As familias interesadas poden informarse no CIM (edificio de Servizos Sociais) ou chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460.