Mércores. 11.09.2024
El tiempo

Humana instala novos colectores de recollida de roupa usada en Sofán e Chorís

Humana instala novos colectores de recollida de roupa usada en Sofán e Chorís
Novo colector de roupa de Humana na Avda. Bergantinos Carballo Novo colector de roupa de Humana na Avda. Bergantiños de Carballo

Ata 16 puntos de recollida de roupa usada hai no concello de Carballo. Roupa, calzado, complementos, textil de fogar… todas estas prendas poderán ter unha segunda vida se as sabemos reciclar. Diso se encarga Humana Fundación Pobo para Pobo a organización, que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil, e que ademais leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España.

Vén de instalar dous novos contedores na parroquia de Sofán e no barrio do Chorís. Lembran ademais que o residuo téxtil é a fracción co nivel de aproveitamento máis alto por encima do vidro, o papel ou os envases e, con todo, só una de cada 10 pezas que xa non queremos ten unha segunda vida (desgraciadamente, o resto acaba no lixo); por iso é fundamental aumentar as cifras de recollida selectiva.

De feito, entre xaneiro e setembro recolléronse no noso concello 54.250 quilos de téxtil usado, un 12,6% máis que no mesmo período do ano anterior. Dato que que confirma a tendencia á alza da reutilización do residuo téxtil. A recollida de roupa é un servizo gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos.

16 colectores

Os novos colectores están situados xunto ao CEIP Gándara-Sofán e na avenida de Bergantiños, xunto ao Parque do Chorís. Pero no noso concello hai outros 14 puntos de recollida: rúa Barcelona, rúa Perú (Centro Comercial Bergantiños), avenida do Ambulatorio (centro de saúde), rúa Luis Calvo (estación de autobuses), Praza Eduardo Pondal, rúa Gravador Manuel Facal, rúa Poñente (estación de servizo), cruce das rúas Río Eume e Mahón, cruce das rúas Gran Vía e Vila de Corcubión, rúa Xílgaro, rúa Orquídea, rúa Igrexa, Centro Social de Sofán e igrexa de Berdillo.

Que fan ca roupa recollida?

As pezas depositadas nos colectores de Humana teñen dous destinos: ao redor do 60% trátase nas plantas de preparación para a reutilización da Fundación (tres: en Madrid, Barcelona e Selecta) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclaxe.

O material tratado nas plantas distribúese da seguinte maneira:

• O 62% da roupa clasificada destínase a reutilización: o 13% a través das tendas secondhand que Humana ten en España e o 49% mediante a súa distribución fóra do noso país, vendéndose a prezos de mercado para xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento. • O 28% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil. • O 6% é material destinado a Combustible Derivado de Residuo (CDR) coa axuda de empresas especializadas. • O 4% envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final porque está composto por produtos que non se poden reutilizar, nin reciclar nin valorizar enerxeticamente.

Fonte

  • Carballo.

Comentarios