sábado. 22.03.2025
El tiempo

Irmandade bilingüe entre institutos carballeses e bretóns

Irmandade bilingüe entre institutos carballeses e bretóns
Alumnos do IES Monte Neme e os companeiros bretons no Concello de Carballo

Preto dunha quincena de alumnos e alumnas do Collège Skolaj Diwan ar Mor-bihan, da localidade bretoa de Vannes, en Francia, tiveron a oportunidade durante os últimos días de coñecer a vila de Carballo e a súa contorna, ademais de diversos puntos de Galicia, grazas a un intercambio realizado co IES Monte Neme da capital municipal. Trátase dunha actividade do Proxecto Comenius Regio na que tamén participa o IES Neira Vilas de Oleiros.

Este é o segundo e último ano do programa Comenius Regio, e aínda que o curso pasado alumnado de Vannes xa estivo na vila, hai que subliñar que desta volta trátase dun instituto no que as clases se imparten en bretón, ademais de en francés, polo que o alumnado carballés tivo a oportunidade de coñecer tamén esta lingua, ademais de "ter outra mirada sobre Carballo ensinándollo aos demais", en verbas da profesora de Lingua Francesa do IES Monte Neme, Sandra Rodríguez.
Hai que mencionar que o centro carballés conta con tres seccións bilingües, dúas en inglés e unha en francés, polo que se ensinan materias como matemáticas noutros idiomas na busca da integración doutras linguas.

O venres 30 de maio é o último día do intercambio, polo que o alumnado de Vannes e do IES Monte Neme aproveitou para ser recibido na Casa do Concello polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Tenente de Alcalde e representante do Concello no Consello Escolar Municipal, Milagros Lantes, acompañados da directora do centro, Ana Alcalá, da profesora de Matemáticas da sección bilingüe, Mercedes Pérez, da profesora de Lingua Francesa, Sandra Rodríguez, e dos tres profesores da Bretaña que viñeron cos rapaces e rapazas: Sylvain Deron, Guillaume Faye e Annaëlle Le Goff.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios