A Dirección do Centro Comercial Finisterrae ofrece unha solución para salvar os Cines A Xunqueira
Faltaba unha postura arredor do posible peche dos cines A Xunqueira de Cee. Xa escoitamos ao Concello, á veciñanza e mesmo á empresa promotora dos cines, pero faltaba a visión do Finis Terrae Centro Comercial, que trata de buscar unha solución para que os Cines queden en Cee, e facer a veciñanza valore a experiencia que supón poder gozar duns cines na súa propia comarca. Porque sen público non hai cine, evidentemente, e seguro que este domingo os cines viven unha xornada inesquecible.
O CCF vén de enviar un comunicado ao Concello e á empresa, na que ademais de lembrar que o secretario da Comunidade de Propietarios intentou mediar no asunto dende o primeiro momento, lanzan unha “nova medida que axudará a solucionar o problema”. Valoran que tanto a empresa como o Concello “teñen todo interese doo mundo na continuidade dos cines”; entenden que “o Concello debe aterse aos prazos e limitacións legais que un propietario privado non tería”, que acabou de “provocar esta situación límite que esperamos será resolta en breve”.
A proposta
”Tendo en conta que o último orzamento aprobado, que se prorrogou ata o día de hoxe, permite á Dirección (segundo consta no Libro de Actas) transferir fondos entre categorías de gastos debido a necesidades imprevistas, decidimos:”
- ”O orzamento asignado á Dirección reducirase a cero, con efectos desde principios deste mes. Aínda que non recibimos ningún pago durante varios anos, segundo o contrato vixente, continuaron a devengarse para futuros pagos ou compensacións de débedas. A partir deste mes, a empresa da Dirección, Capitol Center SL, renuncia á remuneración estipulada no seu contrato, polo que os seus servizos prestaranse de forma gratuíta, nas condicións que se explican a continuación”.
- ”O valor da asignación orzamentaria da Dirección transferirase a Eventos/Promoción do Centro, especificamente para compensar as cotas da Comunidade polo local dedicado a Cines. A cota mantense inalterada (o que requiriría a aprobación do Consello, quizais unánime, e implicaría o aumento das cotas para outras), pero está subvencionada case na súa totalidade polo propio Centro mediante a aplicación dos fondos da Dirección. Así, o Cine (e polo tanto o seu propietario, o Concello) sae beneficiado, e só a nosa empresa perde, sen prexudicar a ninguén máis”.
- ”Obviamente, esta medida só se aplicará mentres o cine estea funcionando no local. Non se aplicará se se usa para outra cousa ou está baleiro. Ademais, o Concello está obrigado a liquidar a súa débeda coa Comunidade polo local da súa propiedade”.

O Futuro
Tócalle agora ao Concello mover ficha e solventar a situación, como propón o CCF: "Sen prexuízo do dereito do Concello a reclamar o pago ao seu arrendatario, a empresa do cine, asunto alleo á Comunidade. Para iso, o Concello debe acordar un plan de pagos coa Xerencia, que se completará antes do ano que vén. O Secretario enviou unha proposta ao Concello hai meses, e non houbo resposta. Non obstante, xa realizaron o primeiro pago proposto nese plan”.
