luns. 04.05.2026
El tiempo

A veciñanza únese para salvar os Cines de Cee

 

 

Campana Cines a Xunqueira
A veciñanza únese para salvar os Cines de Cee

A nova de que os Cines a Xunqueira están a piques de pechar está conseguindo mobilizar á veciñanza. As familias están realizando unha recollida de sinaturas online, e ademais invitan a toda a veciñanza a encher as salas este vindeiro domingo 10 de maio para “que a pantalla non diga FIN”.

Porque como recolle o manifesto da campaña “Salvemos os Cines de Cee”, “os cines de Cee son os únicos activos dende Carballo ata Ribeira e son a única opción para ver unha película en salas sen ter que conducir durante unha hora, ou hora e media no caso ribeirán. Son ademais unha das poucas opcións de ocio e de cultura dispoñibles ó longo do ano nun concello e nunha comarca que non se poden permitir perdelos”.

A débeda acumulada por "deixadez" de todas as partes

A problemática vén sendo arrastrada dende a pandemia. Ata o 2020, os Cines A Xunqueira (de propiedade dunha empresa de Vigo que tamén xestiona os Cantones Cines na Coruña e os Cristal en Lugo) funcionaban de marabilla. Pero a pandemia e o auxe das plataformas foron provocando un declive continuo. A volta, por 2021 e 2022, foi moi complicada, e a partir de 2023, tras varios avisos da propia xestioria, a empresa xa avisou á Comunidade de Propietarios do Centro Comercial de que non podía asumir o pago da Comunidade, buscando unha revisión desa contía. 

Aínda que o cine a nivel estatal parecía que ía recuperando, os 2024 e 2025 volveron ser malos, e a emprea no puido asumir os pagos desa Comunidade, que se foi acumulando. Empresa, o Centro Comercial e o Concello foron deixando pasar o tempo, retrasando unha decisión que o único que provocou é aumentar a débeda (arredor dos 100.000€). "Se cadra un pouco culpables somos todos, por esa deixadez, por non solventar o asunto a tempo", recoñecen dende a empresa viguesa.

Xa en ERE: peche previsto para o día 20

A realidade é crúa. Os 5 traballadores están xa en ERE, que se fará efectivo o día 20, cando entregarán as chaves. Os cines entrarán en concurso de acreedores, que será o encargado de rescatar esa débeda municipal.

"Perder, perdemos todos", sinalan dende a empresa, tendo claro que "o cine é cultura, pero tamén é un negocio privado, e agora hai unha empresa perdendo cartos". Un empresa, que con todo, está aberta a chegar a un acordo, que espera que a política non se aproveite deste momento para intentar achegar posturas e buscar unha solución que beneficie ao pobo costeiro.

Unha loita veciñal

Ademais, é certo que “O Centro Comercial Finisterrae non se entende sen os cines. Chegaron xuntos a comezos dos 2000, só uns anos despois da inauguración do hospital comarcal. Era unha época renovadora que traía unha promesa urbana para Cee, pulo económico para a contorna e a garantía dos servizos que merece a veciñanza da Costa da Morte. Deixar morrer o cine é ir contra os intereses dos veciños, obstaculiza a dinamización do centro comercial, dana o comercio local, reduce aínda máis a oferta de ocio e cultura e dificulta manter unha comarca viva”, denuncian.

Así, a veciñanza invita a Concello, comunidade de propietarios e responsables do Centro Comercial Finis Terrae a chegar aun acordo atopar a fórmula que garanta a permanencia do cine na vila.

Comentarios