Luns. 20.05.2019
El tiempo

Laura Tova: "Onde hai cor, hai vida"

O pintor O'Mighelo e a pintora Laura Tova
O pintor O'Mighelo e a pintora Laura Tova
Laura Tova: "Onde hai cor, hai vida"

A Feira Ibérica de Turismo da Guarda (FIT), que se celebrou do 2 ao 5 de maio nesta cidade lusa -e na que a Deputación da Coruña participou como destino convidado-, terá por un tempo un bonito e colorido recordo de Carballo. Os responsables son os artistas carballeses Laura Tova e O'Mighelo, do proxecto Derrubando Muros con Pintura, que se desprazaron ata Portugal para pintar os dous murais que agora locen nunha parede próxima ás inmediacións da FIT.  Dúas pinturas que se suman a unha longa listaxe de murais da Guarda, cidade na que tamén impera a cultura da arte na rúa. O de Laura conta a historia da señora Estrella, e o do Mighelo pretende non só derrubar muros, senón tamén mentes. Falamos cos dous.

  • Como recibistes a nova de viaxar á Fit para pintar un mural?

Mighelo: Como un traballo máis. Chamáronme e aceptei

Laura: Con moita ilusión, a verdade, porque nunca "me levaron" a ningún sitio dentro da profesión. Como é un traballo tan solitario pois cousas así agradécense moito, e ademais pola oportunidade profesional, que é moita.

  • Que historia ou mensaxe queredes transmitir coa vosa pintura da Guarda?

Mighelo: Tratei de desmoronar muros máis aló do que se ve a simple vista. Concienciar á xente do problema que hai actualmente na sociedade mundial. É, tamén, unha maneira de unir a Portugal e a Carballo co caravel e o carballo. Derrubando muros para unir un pobo co outro.

Laura: Conto a historia da señora Estrella, unha veciña de meus pais que vívía soa e traballaba moito, sempre a vías facendo algo.

IMG_7422bbb

  • Cando xorde o deseño? Antes de chegar ou ao ver o muro?

Mighelo: antes de vir tiña xa unha pequena idea. Aínda que ao ver o muro tiven que cambiar un pouco a estrutura. Aínda así, o modelo é moi semellante. Hai que adaptarse ás condicións e ao tempo. O importante é a mensaxe en global.

Laura: O deseño xorde un pouco ao principio, ao recibir a nova. Digamos que xa levaba pensada a idea xeral. Logo foi collendo forma e detalles ao longo da semana ata o mesmo día, xa que eu tiña na mente outra parede e ao final tiven que adaptarme tamén a esta. Moi contenta co traballo.

  • Como valorades a FIT?

Mighelo: É un mundo! Nela móvese unha inmersión moi grande de diñeiro.

Laura: Pois en canto as instalacións unha pasada! E ademais creo que estas cousas están ben e son necesarias para crear comunidade. Tampouco pasei moito tempo na feira como para facer unha valoración máis profunda, pero o que vin gustoume. O único pero diría o uso de animais nestas cousas pero como se usan de atracción turística en moitas vilas de todo o mundo, pois non sei. Non me gusta ver a animais metidos en algo así, ou que se promocione unha cultura de tauromaquia. Pero isto é unha opinión moi persoal que pouca ten que ver ca FIT en particular.

  • Despois de anos, que sentides ao formar parte do proxecto Derrubando muros con pintura?

Mighelo: Sempre me adiquei a facer isto. Foi un avanzar para diante e dalo a coñecer ao resto do mundo. A día de hoxe, e a través das redes, a arte urbana chega a puntos insospeitados. Pola miña parte, aínda teño tempo a rematar o mural de 'Cara á liberdade'.

Laura; Jo, pois imaxina... Para min é un orgullo, sempre o foi. Son proxectos que son moi necesarios para abrir barreiras mentais e acabar co gris nas vilas. Onde hai cor, hai vida.

  • Porque recomendaríades visitar Carballo e a Costa da Morte?

Mighelo: Creo que non fai falta animar á xente a vir a Carballo, porque encanto chegan aquí xa o fan. O turismo de Carballo é moi variado. Temos costa, monte, rios, embalses, actividades culturais...hai onde pasalo ben e facer amizades. Compensa vir a Carballo simplemente pola xente!

Laura: A Costa da Morte, en xeral, é unha pasada! Recomendaría visitar todas as súas praias, as paisaxes son incríbles e os atardeceres aínda máis. Tamén polas festas e festivais, que aínda que pola zona non son moi recoñecidos non temos nada que envexar a outras partes de Galicia. Rocking, Xiriapop, Festiletras etc... Pola comida por suposto! Polos murais que hai agora e porque cada vez hai máis oferta cultural, aquí xa nun ambito máis local (carballo) que é moi interesante para traer xente e que logo paseen pola comarca que é ben bonita!

IMG_7976bb

Comentarios