Miguel Silvarredonda ofrece un showcooking este xoves no Mercado de Carballo
O mercado municipal de Carballo acolle este xoves, 9 de xullo, unha sesión de ‘showcooking’, que terá como protagonistas o peixe e outros produtos do mar. Enmarcada no proxecto Pesca Saúde, Miguel Silvarredonda, profesor da Escola de Hostalaría de Carballo cunha larga traxectoria en proxectos de turismo e gastronomía, estará a partir das 11:30 para preparar en vivo diferentes receitas que poderán degustar as persoas asistentes.
As persoas que o desexen poden reservar a súa praza en i.gal/showcooking. Durante estes eventos celebraranse tamén os sorteos de degustacións de produto pesqueiro, entre as persoas que participaran na campaña reunindo os seus tíckets de compra e depositándoos nas urnas de Pesca Saúde.
Descontos nas peixerías
Ademais, as peixerías seguen a ter un papel protagonista en Pesca Saúde. Máis dun cento de puntos de venda adheridos á campaña e repartidos por toda a costa galega, aceptarán os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se reparten entre os asistentes nestes eventos. Ademais, amplían o seu prazo de validez ata o vindeiro 31 de xullo.
Outras actividades do proxecto: Come o mar, come saúde
Outro sector co que estaos a traballar neste proxecto é o sector da hostalaría, onde coa iniciativa Come o mar, come saúde xa se está a traballar cos restaurantes adheridos na elaboración de menús saudables sempre con produtos pesqueiros locais e de tempada.
E a partir de setembro, poranse en marcha os Obradoiros de Batchcooking. O Batchcooking é un xeito de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Os obradoiros acompáñanse da publicación dun receitario, que se reparte nos eventos de Pesca Saúde e tamén está dispoñible na web do proxecto https://www.pescasaude.gal/.