4 institutos de Carballo protagonizan unha macro foliada no Encontro Bergantiñán

Este venres 30 de maio ás 12:00 h, a Praza do Concello de Carballo acollerá o Encontro Bergantiñán, unha actividade organizada por catro institutos de educación secundaria —IES Monte Neme, IES Isidro Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso— co obxectivo de homenaxear ás pandereteiras, figuras ás que se lle dedicaron este ano as Letras Galegas.
No acto contarán coa presenza moi especial de Teresa dos Cucos, unha moi das máis coñecidas cantareiras de Pontella (Malpica de Bergantiños), quen lle contará ao alumnado como se vivía a música e o canto tradicional antes, cando formaban parte do día a día da xente e nos poderá dicir o que contaban xa as xeracións anteriores do que eran as ruadas. Posteriormente, máis de 150 rapaces e rapazas dos centros participantes unirán forzas para bailar unha muiñeira conxunta.
A actividade continuará cunha pequena foliada aberta, onde parte do alumnado collerá os instrumentos para darlle vida á praza a través da música tradicional, creando un ambiente festivo e participativo que celebra o legado das cantareiras.
Este encontro busca tamén que a rapazada goce, se implique e lle colla gusto á música tradicional, descubrindo que a cultura galega está viva e que mola moito cando se vive en comunidade.