Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Música e ciencia de sangue carballesa polas rúas de Madrid

José Ángel Nicolás Ávila cos Wegan Wolves
José Ángel Nicolás Ávila cos Wegan Wolves
Música e ciencia de sangue carballesa polas rúas de Madrid

Hoxe facemos unha viaxe ata Madrid, onde vive José Ángel Nicolás Ávila. O carballés é investigador/científico no CNIC, e hai pouco que descubriu un sistema de limpeza celular no corazón que mereceu ata unha portada da revista “Cell”.

Pero hoxe toca falar con el de música, ao que dedica o tempo libre que ten dende que mudou ao rematar a carreira, tras uns anos bonitos nas noites de Compostela. Porque José Ángel é o baixista da banda Wegan Wolves.

 

Traballando no CNIC coñecín a Alejandro, guitarrista do grupo, que me propuxo comezar un proxecto musical a finales do 2018. Este proxecto foi o que deu lugar a actual formación de Vegan Wolves.

 
  • QPC: E que significa o nome, de onde vén?

Escollemos ese nome pola contraposición do veganismo coa bioloxía do lobo (un animal carnívoro). Pese a iso, actualmente 2 membros da banda están moi concienciados co tema e María (batería) é flexivexetariana mentres que Alejadro (guitarrista) leva unha dieta vegana estricta.

 
  • QPC: Que tocades?

O estilo e complicado definilo. Pódese dicir que facemos Rock en inglés, coas diversas influencias de todos os compoñentes de grupo (blues, pop, funk, grunge... Etc).

 
  • QPC: E como vai a cousa?

É proxecto independiente, temos un EP de 3 cancións publicado no 2019, e agora mesmo estamos gravando un disco con 8 temas novos que esperamos publicar a finais deste ano.

  Foto Vegan Wolves banda rock
  • Como é a vida madrileña? estresa? que tal a vida en tempos de pandemia? Tócache moito transporte urbano?

Madrid é unha cidade que pode causar moito estrés, sobre todo se non che gustan as aglomeracións de xente. Ó principio só lle vía o lado negativo (contaminación, xente, cheiros, horas de transporte para quedar cos amigos...) pero aprendín a ver o seu lado positivo co tempo. Por exemplo, Madrid ten unha oferta cultural que é moi difícil de atopar en calquera outra cidade de España, incluíndo concertos, musicais, teatro, museos...etcétera. Como músico, esta cidade ofreceume a posibilidade de tocar con moita xente en distintos locais, o cal é unha experiencia marabillosa. Por exemplo, aquí pódense encontrar locais que ofrecen "jam sessions" todos os días da semana, eventos onde podes subirte ó escenario a improvisar cancións con xente a que non coñeces de nada, e incluso algún que outro músico famoso. E por riba regálante unha consumición por subirte ó escenario!

Coa Pandemia isto cambiou moito e a oferta cultural, sobre todo os concertos, viuse moi afectada. Nós tiñamos algúns concertos programados pero todos foron pospostos ou cancelados. Definitivamente, a situación actual está a diminuír todos os atractivos que Madrid ofrecía como cidade (oferta cultural, gastronómica, facilidade para viaxar...etc), mentres que agrava aqueles aspectos que causan máis repulsa, coma viaxar en metros atestados de xente. Por sorte, eu vivo a 10 minutos camiñando do traballo e só uso o transporte público cando teño que desprazarme ó centro. Pisar o metro o mínimo imprescindible é algo que tiven clarísimo dende que cheguei aquí.

 
  • QPC: E… botas de menos Carballo? Para un científico coma ti... case nin te formulas a posibilidade de voltar algún día vivir aquí?

Moitísimo. En Carballo teño á miña familia e os meus amigos de toda a vida, e plántome alí cada vez que teño oportunidade. É certo que o meu obxectivo a curto-medio prazo sitúase aínda máis lonxe de Carballo que Madrid, pero nunca se sabe... Carballo está a tiro de pedra das Universidades de Santiago e A Coruña, e centros de Investigación excelentes coma o CIMUS ou o CIBUS. Regresar á terra e contribuír co meu coñecemento a defender a Ciencia que se fai en Galicia sería unha honra para min.

 
  • QPC: Pois moito ánimo, e que acabe todo isto e poidades voltar aos escenarios.

Moitas gracias.

 
  • Quedamos co último videoclip, realizado durante a corentena, Cursed Soul:

Comentarios