O CEIP Gándara de Sofán tamén existe

Remata o curso pero non rematan as loitas escolares. A LOMCE foi protagonista indesexable das protestas, pero este 2015 voltamos a vista ata Carballo, onde ademais da esixencia dos pais do CEIP Fogar, por Sofán tamén piden que se lles atendan.

Onte, coincidindo co fin de curso, as familias do CEIP Gándara e da ANPA Raiante xuntáronse no centro carballés nun ambiente festivo para facer as seguintes demandas:

  • 1 - Esiximos a unificación dos horarios nos centros de ensino de Carballo, a nosa demanda de implantar a xornada única vén de ser rexeitada unha vez máis; unha demanda de hai moitos anos (consta a primeira solicitude desde o ano 1994) mais que, en cada ocasión que foi solicitada a través da dirección do centro, a resposta da Consellería foi negativa dada a inviabilidade do informe de Transporte, sendo actualmente o noso centro o único do Concello con horario partido o cal non nos permite acceder en igualdade de condicións a moitas das actividades ofertadas desde as administracións ou mesmo desde o Concello por coincidir a maioría delas co noso horario de entrada ou de saída.
  • 2 – O noso centro acolle cada vez máis a un maior número de alumnos que se incorporan ao novo curso escolar, sen que isto supoña unha mellora nas condicións dos servizos aos que teñen dereito. Para o vindeiro curso 2015 – 2016 o noso centro contará con 27 novos alumnos, contamos con 79 peticións de uso do comedor escolar e actualmente só temos 51 prazas para este servizo. Demandamos pois a normalización deste servizo de comedor para que ningunha familia do centro teña dificultades na conciliación da súa vida familiar e laboral.
  • 3 – Tamén o servizo de Transporte verase afectado por este incremento de alumnos xa que unha das liñas do transporte escolar sufrirá un incremento de usuarios, en total 57 nenos e nenas que aínda non saben se terán garantida a súa praza na mesma, nin en que condicións, por non obter resposta aínda de cómo afrontarían esta cuestión desde a Consellería.
  • 4 - E a todo isto hai que sumar o inxusto sistema que se quere implantar para a creación dun Fondo Solidario e as Axudas para a adquisición de libros de textos. O Ensino público debe ser gratuíto, e non o será en tanto esa gratuidade non alcance á totalidade da atención que precisa a mocidade para se formar, sexan infraestruturas, sexa profesorado ou material didáctico que teña que utilizar. Denunciamos que o sistema imposto pola consellería de Educación non garante que todo o alumnado teña dereito a eles. Por iso, queremos a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto.

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).