Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As ANPAS inciden na volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto

As ANPAS inciden na volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto
libros_de_texto

Mentres incluímos na axenda a problemática dos comedores escolares en verán, o sistema para a obtención de libros segue a ser un tema complicado. A Xunta está volcada para sacar un sistema que chama “gratuidade solidaria”, un erro para as Anpas Galegas, pois o sistema de préstamo universal de libros de texto chegaba ao 100% dos alumnos, sen segregación algunha, e este novo só alcanza ao 60%. Consideran que se “vai formar unha boa liada co banco de libros”, ao introducir diferencias entre os nenos becados e os non becados, unha separación que sempre se quixo evitar nos centros públicose que agora pode ser unha realidade segregadora.

Así, as 300 ANPAs que participan da Confederación de Anpas Galegas critican que a Xunta propoña este “sistema de axudas que non dá cobertura máis que a unha porcentaxe das familias, polo que non é universal como a constitución ordena, e desoíndo as recomendacións da Defensora do Pobo que aposta firmemente polo sistema de préstamo universal como método idóneo - económica e educativamente - para garantir esa obriga da chamada Lei Fundamental”.

Reteixe aos Bancos de Libros

Na confederación de Anpas Galegas rexeitamos asimesmo a futura organización de "bancos de libros" cos libros que se terán que devolver por ter sido adquiridos con subvencións, porque:

  • Introduce desigualdades entre o alumnado: haberá nenos con libros "liberados", e nenos con libros "que hai que coidar porque hai que devolver", iso visibiliza a necesidade social e estigmatiza aos nenos e nenas implicados.
  • Non garante a igualdade de tratamento nos cursos posteriores, dependendo das axudas solicitadas, e dos libros "recadados", así serán de completos os futuros bancos de libros.
  • Deixa totalmente fóra da cobertura pública a adquisición de calquera material escolar diferente dos libros de texto.
  • Sobrecarga de labores administrativas a libreiros e profesores, mesmo os responsabiliza do correcto funcionamento do sistema; estamos así utilizando as horas do persoal docente para facer traballos que non lles corresponden no canto de se dedicar ao ensino, como é a súa función, a súa preparación e o seu interese.
  • Converte aos profesores e equipos directivos en policías que deben facer un seguemento dos libros de texto subvencionados porque eles serán quen os teña que recoller ao final do curso.
  • É antieconómico, porque non garante a recuperación dos libros, antes ben, a Administración vai iniciar un camiño que levará a unha constante reclamación de obrigas incumpridas, co conseguinte custo administrativo.
  • Non dá solución aos cursos nos que se produza un cambio de libros de texto. Neses anos inutilizaríanse todos os libros adquiridos moi recentemente.
  • Paradoxalmente inaugúrase o ano no que remata o período de seis anos de vixencia do libros actuais, polo que podería darse o caso de que todos os libros recuperados en xuño de 2015 fosen inutilizables para o curso seguinte, agás de que a Adminsitración modificara esa duración incrementándoa, como esta confederación defende.
  • É confuso para as familias, xa que terán libros "para devolver" xunto con outros da súa exclusiva propiedade, xa que a axuda non abonda para adquirir todos os libros necesarios.
  • E, sobre todo, continúa sendo unha solución parcial que non aborda o problema de garantir un ensino obrigatorio gratuíto.

Por iso a confederación de Anpas Galegas, respaldada por centos de asembleas, de acordos de consellos escolares, de pronunciamentos de partidos políticos e sindicatos, e dunha completa unanimidade da comunidade educativa, e do acordo da Defensora do Pobo, continúa dicindo, e continuará dicindo, que a Administración Galega debe retornar ao exitoso sistema de préstamo universal de libros de texto, como único medio para que todos teñamos acceso a esa gratuidade constitucional á que temos dereito.

Novas relacionadas

Máis novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios