Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Fedanpa empeza o curso #LOMCE en clave de loita

A Fedanpa empeza o curso #LOMCE en clave de loita

Hoxe comeza un novo curso escolar, as nosas nenas e nenos volven ao colexio, instituto… Pero non é este un curso habitual. É un curso que empeza con polémica, debido á implantación do Decreto da LOMCE, esa reforma da Lei Educativa que esqueceu contar co consenso da comunidade educativa.

Xa levantou a voz a directiva do IES Pedra da Aguia ante o recorte de mestres neste comezo de curso. E hoxe, a Federación de Anpas da Costa da Morte envianos a súa completa reflexión neste tamén o seu segundo curso en funcionamento. Unha reflexión que recupera moitas cousas da loita que levan mantido ao longo do seu primeiro ano de existencia, e que nos recorda os seus obxectivos e por onde continuará.

Un ano de aprendizaxe

O curso pasado aprendemos moitas cousas, ben é certo que tampouco viñamos sen saber nada, e pelexamos en moitas prazas, permitídeme facer un pequeno resumo do que foi o curso::

  • Dixemos claramente que queriamos un ensino público galego, laico, gratuíto, conciliador, adaptado, inclusivo…
  • Dixemos iso en público, nos medios que nos deron eco, e tamén en reunións particulares e tamén, no ámbito local, os voceiros da cada unha das ANPAs integrantes. O importante é falar con tod@s e escoitar a tod@s, para que tamén nos escoiten a nós.
  • Defendemos o Ensino Público no Rural con toda a forza que puidemos.
  • Coa nosa presenza en público tamén dixemos outra cousa: pódese traballar xuntos, colaborar e crear espazos de diálogo, somos moitas ANPAs diferentes e fomos quen de nos xuntar polo ben común e compartir as nosas experiencias e as nosas forzas. Pensamos que ese é o noso gran logro.
  • Participamos nunha ampla campaña de reivindicación do sistema de préstamo universal de libros de texto, na que conseguimos os acordos das asembleas das anpas, nos consellos escolares dos centros…E tivemos un apoio extra: a defensora do pobo opina igual que nós porque, malia o que diga o señor conselleiro, a defensora defende o sistema de préstamo universal, e non os bancos de libros, dos que di que son “…un obxectivo loable, pero que non debe substituír á responsabilidade pública na materia”, e esa responsabilidade chámase “gratuidade”, ese debe ser o noso obxectivo.

Esta campaña ocupounos case todo o curso, e aínda que temos que nos gabar da conciencia social conseguida e de que reverdecemos a conciencia colectiva dunha reivindicación xusta, non a damos por rematada até que logremos o que pedimos con claridade: libros gratis e reutilizados para todo o alumnado; teña a renda que teña porque, non cansamos de repetilo, a igualdade contributiva está na progresividade dos impostos, non nos pagamentos duplicados de servizos.

Pero fixemos algo máis:

  • Defendemos que os consellos escolares teñen que ter capacidade decisoria, non só consultiva.
  • Rexeitamos a nova normativa de elección de directores a dedo por parte da administración educativa, queremos participar nesa elección e ter un voto con incidencia real.
  • Interesámonos pola situación provocada pola lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local: certamente queremos que a Xunta asuma todos os servizos educativos que hoxe en día prestan os concellos, e mesmo que o faga ampliándoos a toda Galiza, pero queremos que iso ocorra dentro dun plan organizado, cun calendario e cunha dotación económica, non por execución de lei e sen planificación.
  • Discutimos sobre educación dixital logo de que a consellaría de educación convocara un experimento que aínda non sabemos a onde vai chegar: estamos a favor da utilización de medios dixitais na educación pero queremos que sexan para tod@s e en todas partes, fornecendo previamente ao profesorado da formación necesaria, cun programa de implantación veraz e responsable e, outra vez, coa dotación económica precisa; non imos calar mentres se pretenda educar aos nosos fillos dun xeito desigual e discriminatorio.
  • Explicamos con claridade porqué o sistema de axuda para a compra de libros de texto non serve para nada, e ten como única consecuencia a dilapidación de diñeiro público, ese que é de todos e que debería ser para todos.

E, sobre todo, por riba de calquera outra consideración ou problema, dedicamos este tempo de vida, do mesmo xeito que viñamos facendo xa dende antes, nas colaboracións previas á formalización da federación, a dicir alto e claro que NON QUEREMOS A LOMCE, que esta lei non é nosa, que a sociedade non a quere, @s docentes non a queren, as familias non a queremos, que é unha lei rexeitada por tod@s, e que se nos está a impor dun xeito antidemocrático e totalitario, unha reforma da lei educativa non pode ser a criterio dun partido político, ten que partir dun grandísimo traballo previo, do consenso das forzas políticas e, sobre todas as cousas, ten que responder á demanda social, ten que ser querida e procurada; e esa demanda social non existe; este cambio que estamos a vivir non ten futuro e o único que vai traer é tempo perdido para nós e, iso é o máis lamentable, para os nosos fillos e fillas.

Outro ano de loita por diante

Todo isto fixémolo e traballámolo; pero non imos parar aí, este curso comezamos con ilusións novas, e traemos moi vivas as ilusións antigas: continuaremos falando de libros de texto e material escolar até que sexan gratis para todas e todos; continuaremos reivindicando a nosa presenza en todos os eidos do sistema educativo porque temos que estar onde estean os nosos fillos e temos que estar con forza e con dereitos; continuaremos esixindo que o ensino público se modernice sen deixar a ninguén atrás, porque todos somos cada un das nosas nenas e nenos; poñeremos voz ás familias para que se nos escoite, porque a educación d@s nov@s non está completa se nós non estamos alí.

Traballaremos en necesidades especiais, na reclamación da súa atención e no aproveitamento da súa diversidade que é unha realidade que completa e perfecciona a vida dos nosos fillos e fillas; volveremos a esixir que paren os recortes no ensino público, e que se debe repoñer o inxustamente recortado nestes anos…

E, por riba de todo, dúas cousas:

  • Continuaremos rexeitando a LOMCE e a súa aplicación.
  • Reclamaremos a eliminación das carencias do sistema educativo, moitas delas endémicas e que non son atendidas pola Consellaría de Educación. O abandono, o desmantelamento e o decrecemento da calidade no ensino público contrasta coa potenciación que se fai do ensino privado concertado, incluso subvencionando centros que segregan alumnado por sexo. Suprimen 63 unidades e que haberá 6 escolas menos mentres a Consellaría concerta 79 unidades novas no ensino privado, moitas delas en formación profesional básica.
    Os recortes tamén se concretan no incremento dos agrupamentos de alumnado e a masificación de aulas.
    A isto súmanse os recortes en atención á diversidade xa que a Consellaría reduce o profesorado con contratos a tempo total de Pedagoxía Terapeútica, Audición e Linguaxe e Orientación ao suprimir prazas e contratar docentes itinerantes que teñen que compartir docencia en varios centros, o que vai impedir atender adecuadamente ao alumnado.
    A estas incidencias hai que engadirlle a existencia de obras sen rematar nos centros ou que non se realizaron.
  • En resumo, traballaremos para que as nosas fillas e fillos, e todos os que van con eles, teñan un futuro proveitoso e feliz, que é o que nos compre facer a nais e pais.

- Xosé Antón de la Fuente Subiela, da Federacón de Anpas da Costa da Morte.


Máis información

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios