![mesa-comercio-local-carballo]()
O CCA e a asociación A Milagrosa definiron o calendario de actividades para o presente ano
Onte tocou xuntanza da Mesa Local de Comercio de Carballo co fin de aprobar o calendario de actividades que se desenvolverán as entidades comerciais ao longo do 2018. Así, unha vez que rematen as rebaixas de inverno, a próxima iniciativa será a
feira das Oportunidades que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) para os días 10 e 11 de marzo, e que, dada a súa proximidade, foi obxecto dun punto específico. Así, a xerente do CCA, Carmen Freire Areosa, informou de que nestes intres está aberto o prazo de inscrición de comercios, que, como é habitual, prevese que sexan na súa totalidade de Carballo, e avanzou que a feira volverá a celebrarse na zona do Rego da Balsa, nunha carpa.
A proposta da Feira das Oportunidades foi aprobada por unanimidade, ao igual que o resto do calendario do CCA, que inclúe, entre outras iniciativas, a campaña Volta ao Cole, o cásting e o desfile de moda, ExpoVoda ou a campaña de Nadal. Tamén houbo apoio unánime para a proposta da asociación de comerciantes, hostaleiros/as e profesionais do Barrio da Milagrosa, que estivo representada por Jesús Casal Silveira. Neste 2018, a asociación da Milagrosa manterá citas como o mercado medieval, as
campañas Fuxida de Escaparates e Todo un barrio para ti, ou actividades como a carreira de obstáculos que se levou a cabo o ano pasado por primeira vez coincidindo coas festas do barrio. Ademais, este ano están a traballar nunha nova proposta de cara
ao Nadal.
A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo concelleiro de Promoción Económica - Xosé Regueira -. Ademais dos representantes das dúas entidades comerciais do concello, tamén participaron Milagros Lantes, en representación do BNG; Cristian Puente, do PP; Francisco Xosé Chas, da Xunta de Galicia, e Yolanda Pérez, da Unión de Consumidores/as de Galicia. A próxima xuntanza celebrarase en outubro para aprobar definitivamente as actividades de maior entidade que se desenvolverán a finais de ano, como ExpoVoda ou o Mercado de Nadal da Milagrosa.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo