O Consello Parroquial de Cances pide un maior control sobre o uso indebido das infraestructuras públicas
07:04 23/03/17
Representantes da veciñanza e o alcalde de Carballo participaron no Consello Parroquial celebrado en Cances
O Consello Parroquial de Cances converteuse, en boa medida, nun foro de reflexión sobre o uso indebido que moitas veces se fai das infraestruturas e os servizos públicos. Foron os propios representantes veciñais os que puxeron sobre a mesa e criticaron determinadas prácticas: a nivel particular puxeron os exemplos de persoas que tiran o lixo sen bolsa no colector, ou de motoristas e ciclistas que atravesan fincas privadas na zona do monte Neme causando danos; tamén denunciaron ás empresas de madeira que deixan as pistas desfeitas ou o transporte de gran tonelaxe por vías que teñen limitación de 5,5 toneladas, e con respecto á administración local demandaron un maior coidado das vías forestais.
A veciñanza de Cances valorou de xeito positivo determinadas actuacións realizadas na parroquia, coma a pavimentación con cemento no lugar de Cances Grande, e servizos coma a limpeza dos colectores - que agora realízase cada dous meses -. A mellora da rede viaria é unha das materias pendentes, ainda que tal como informou o alcalde na xuntanza do Consello Parroquial, o proxecto de mellora integral xa está adxudicado á empresa Lancer e comezará en breve.
Paso de peóns
As peticións non se limitaron ás vías municipais, senón tamén ás que dependen doutras institucións. Os veciños e veciñas consideran preciso un paso de peóns na estrada xeral, que é de titularidade autonómica, e beirarrúas no acceso ao centro social, que é da Deputación da Coruña. Evencio Ferrero explicou que os técnicos da Xunta son contrarios ao pintado de pasos de peóns en vías con pouca intensidade de tráfico peonil, como é o caso, porque ademais non está demostrado que melloren a seguridade. E sobre as beirarrúas comprometeuse a trasladar a petición ao organismo provincial.
A reutilización da terra dun desmonte que se vai facer en breve xunto ao centro social para mellorar algunhas pistas forestais, a mellora do campo de chave, a reparación dos taboleiros de libre expresión ou a instalación de xardineiras xunto á fonte foron outras peticións.
A próxima xuntanza en Cances será o 6 de setembro ás 21 horas. Hoxe, ás 20:30 horas, están convocados os veciños e veciñas de Rebordelos.
Novas relacionadas
- As obras centran o primeiro consello parroquial de Sísamo
- Rematou superando espectativas a primeira fase de constitución dos 17 Consellos Parroquiais de Carballo
- 300 persoas xa forman parte dos Consellos Parroquais de Carballo.
- A metade das parroquias de Carballo xa teñen Consellos Parroquiais.
- Os pioneiros Consellos Parroquiais carballeses seguen formándose.
- Comezan as reunións en Ardaña e en Oza para a constitución dos Consellos Parroquiais.
- Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Carballo