Luns. 14.10.2024
El tiempo

Obras de Carballo: Pechada a rúa Ponte mentres a Desiderio Varela engalánase para San Xoán.

Obras de Carballo: Pechada a rúa Ponte mentres a Desiderio Varela engalánase para San Xoán.

Varias obras están en marcha por Carballo.

A rúa Ponte quedará cortada por obras ao longo da semana

Rua Ponte en Carballo Rua Ponte en Carballo

O proxecto de reurbanización da rúa Ponte xa está en execución, aínda que polo momento os traballos non son moi visibles. O motivo é que a empresa que leva a cabo a obra, a carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, estivo traballando ata agora no interior da nave de Calvo, levantando un muro antes de proceder á demolición da parte cedida pola familia propietaria para poder construír unha glorieta nese punto. Calvo achega 129,41 metros cadrados ao espazo público, imprescindibles para mellorar a seguridade viaria nun dos cruces máis complicados da vila.

A partir de agora os traballos trasladaranse ao exterior, o que obrigará a cortar a rúa a mediados/finais desta semana. O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, acompañado polo xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, visitou hoxe os establecementos comerciais da zona para comunicarlles o peche da vía. Tamén está previsto colocar carteis informativos nos portais dos edificios de vivendas, e a Policía Local reforzará a súa presenza na zona para ofrecer información á cidadanía.

O peche da rúa non afecta a peóns, residentes nin usuarios/as de garaxes. Se nalgún momento ao longo da execución da obra resulta preciso realizar un peche puntual comunicarase con antelación ás persoas afectadas. Debido á situación estratéxica da vía, moi utilizada polos vehículos que se dirixen á costa bergantiñá, o Concello de Carballo colocará sinais en distintos puntos para indicar os itinerarios alternativos. Ademais, durante a execución da obra, os usuarios/as de garaxes na rúa Cinceiro poderán acceder á mesma dende a rúa da Saúde.
Outra das consecuencias importantes das obras será o peche da rúa de saída do estacionamento do Casino, pero tamén este problema está solucionado grazas á cesión provisional dun solar que permitirá habilitar unha nova saída do aparcamento cara a rúa Estrela.

A rúa Ponte terá zonas peonís en ámbalas marxes de terrazo con acabado granallado e de ancho variable entre os 2 metros das zonas de aparcamento ata os 4. Ese paseo estará salpicado de árbores de crecemento lento, como aligustres ou acivros.

A rúa Desiderio Varela ofrecerá unha nova imaxe para o San Xoán

A rúa Desiderio Varela esteará a súa nova imaxe antes do San Xoán. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato de execución das obras de reurbanización coa empresa López Cao. O proxecto permitirá dar continuidade á primeira fase da reforma da vía, que afectou ao treito comprendido entre Camiño Novo e Colón. Neste punto comezará a segunda fase, que abrangue 145 metros, ata a intersección coa Gran Vía.
O proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede.
As obras comezarán en febreiro.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios