mércores. 14.05.2025
El tiempo

O PP escolleu Muxía para a súa homenaxe ás Letras Galegas

Acto_LetrasGalegas_PP Muxia-Parador
O PP escolleu Muxía para a súa homenaxe ás Letras Galegas

O Partido Popular de Galicia reivindicou onte nun acto celebrado no Parador de Muxía para conmemorar o Día das Letras Galegas que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e que, na medida en que forma parte da identidade de Galicia, “non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas”.

Así se referiu Paula Prado, a secretaria dos populares galegos, no marco desta homenaxe que sente como “un canto á alma de Galicia” e un recoñecemento a todas aquelas mulleres que “ao longo da nosa Historia engrandeceron a nosa cultura co son das súas pandeiretas e coa forza da súa voz”.
“A Galicia moderna de hoxe non se entende sen a súa Historia e tradicións, do mesmo xeito que a Galicia orgullosa da súa lingua non se entende sen os cantos que lle deron voz e melodía, nin tampouco se entende a Galicia que se escribe en feminino sen a traxectoria de tantas mulleres valentes e poderosas que nos precederon”, asegurou.

Acto_LetrasGalegas_PP Muxia

O acto foi conducido pola coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, que foi a encargada de dar paso ás diferentes intervencións e de presentar a Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo, o grupo de cantareiras que interpretou tres pezas musicais.

A voceira do partido en Muxía, Sandra Vilela, sinalou na súa intervención que “non é casual” a elección deste concello para celebrar un acto como este: “En Muxía apostamos pola cultura dándolle vida ás tradicións, dignidade á nosa lingua e espazo ás nosas raíces. Porque temos claro que quen non coida da súa cultura, acaba por esquecerse de si mesmo”.
“Facémolo porque estamos orgullosos do que somos, con orgullo, con convicción e sen complexos”, explicou apuntando a que con este homenaxe ás cantareiras a quen realmente se homenaxea é “ás nosas avoas, ás nosas nais e a todas esas mulleres que fixeron da voz unha ferramenta de resistencia e de identidade”.

Comentarios