Os “Facedores” do IES MonteNeme reciben o premio galego á innovación


A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa vén de publicar a resolución da Subdirección Xeral de FP coa relación de proxectos de innovación premiados este ano. E este ano atopamos un centro costeiro. O IES Monte Neme de Carballo foi premiado co proxecto “Obradoiro creativo de novas tecnoloxías de deseño e fabricación: MakerSpace Nemet” dotado con 19.433,98 €.
Son varios os proxectos de innovación que protagonizan os rapaces carballeses. Este “MakerSpace Nemet”, desenvolto en colaboración coas entidades BRICOGEEK e ALLNET IBERICA, e coordinado polo profesor Germán Tojeiro, “enmárcase no movemento Maker baseado na filosofía de FACER para crear e expresarnos, para aprender e rendibilizar as nosas capacidades; COMPARTIR para acadar a plenitude de que o que fas é util aos demáis; PARTICIPAR relacionándote e formando equipas, medrando e desfrutando do traballo conxunto na solución de problemas”, como nos conta Xis Costa, Xefe do Departamento de Electricidade-Electrónica do centro.
”Metodolóxicamente, tratase de deseñar e implementar de xeito esencialmente colaborativo proxectos educativos e profesionais dentro do que se coñece como “APB” (“aprendizaxe baseado en proxectos”)”.
”Este movemento concrétase (pasa do virtual ao real) nos denominados “makerspaces”: Espazos onde poder realmente construir os obxectos, artefactos e prototipos pensados e deseñados. Espazos coas ferramentas e materiais necesarios, que se convirten en viveiros de ideas e intercambio, en lugares de reunión. Lugares aos que chegar cun problema e/ou necesidade técnica e saír coa solución, literalmente, na man.
Así, o proxecto de creación deste “makerspace” localizado no centro carballés, está aberto á comarca de Bergantiños. A dotación do premio permitirá poñer a semente que medrará no futuro. O importe do premio invertirase en equipar un obradoiro de creatividade dixital con varios tipos de impresoras 3D, dende as mais sinxelas para nivel de principiante, ás mais avanzadas do mercado dirixidas a un perfíl profesional. Ademais o espazo contará con equipos, ferramentas e material para o traballo en robótica e domótica baseada nas placas electrónicas Arduino e Rapsberry.
No futuro, e na medida que se precise, ampliaranse estes servizos e a funcionalidade irase definindo no tempo co desenvolvemento dos propios proxectos.
Dende o centro educativo pensan no “MakerSpace Nemet” “cunha doble función: Como un departamento de i+D para PYMES e Autónomos da comarca, onde aproveitar a capacitación dos mozos/as que formamos no ámbito da Formación Profesional; e por outro lado, como taller de aprendizaxe e iniciación tecnolóxica tanto para alumnos do noso centro como doutros centros de primaria e secundaria da comarca.”
Fonte
- Redacción de QPC (info@queoasanacosat.com).