Martes. 21.05.2024
El tiempo

Os hostaleiros toman nota no #CarballoSendadoMar

Os hostaleiros toman nota no #CarballoSendadoMar
Hostaleiros de Carballo aprenderon Como facer un bo cafe

Xa está en marcha o proxecto de eco-turismo ”Carballo, senda do mar”. De feito, imos ter un xoves e un venres moi activos, pero os hostaleiros xa comezaron a tomar nota.

A primeira sesión deste #Carballosendadomar foi un obradoiro sobre "Como facer un bo café”. Máis de 20 persoas, entre profesionais e estudantes da Escola de Hostalería do Fórum, participaron nesta sesión formativa que se levou a cabo nas instalacións de Cafés Delta, no polígono de Bértoa. Os participantes aprenderon os segredos para satisfacer os gustos dos seus clientes máis cafeteiros.

Showcooking

howcooking con Benigno Campos en Carballo

Hoxe, xoves os alumnos dos cursos de Servizos de Restaurante e Cociña que se están a formar na Escola de Hostalería de cara á súa inserción no mercado laboral recibirán a visita de Mario Basoa Casal, o mellor tirador de cervexa de Galicia e finalista do campionato galego de xefe de sala maitre. Pero nesta ocasión a súa visita non ten que ver coa bebida, senón coa comida. Mario Basoa ofrecerá aos alumnos e alumnas de ámbolos cursos unha sesión formativa de corta de xamón, que será incluído no menú de fin de semana para os usuari@s do comedor social de Cáritas.

Tamén mañá celebrarase nas instalacións da Escola de Hostalería un showcooking que conducirá Benigno Campos, do programa “Larpeiros” da TVG e autor de varios libros de cociña, de 16.30 a 18.30 horas. O ingrediente principal da demostración será a pataca Fina de Carballo, xa que a proposta parte do GDR coa idea de promocionar este produto. As prazas son limitadas e as persoas interesadas en acudir poden anotarse no correo electrónico info@adbergantiños.org ou no teléfon 981 707 377.

E o venres, dentro do programa “Carballo, senda do mar”, o cociñeiro carballés Adrián Felípez ofrecerá unha clase maxistral sobre dieta atlántica e un showcooking no que elaborará muxos, berberechos da ría, vexetais de litoral e caldo de espiñas asadas; os primeiros cantarelus de Baldaio, ovo a 63º, coliflor e palomitas de trigo, e sargo, cogombro, remolacha e laranxa verde. A sesión terá lugar de 17.00 a 19.00 horas tamén nas instalacións de hostalería do Fórum.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios