Os nenos e nenas de Carballo despiden a campaña de natación
08:07 22/06/18
Estes días a piscina do complexo deportivo Vila de Noia acolle unhas xornadas de portas abertas
Unha das actividades deportivas organizadas polo departamento de deportes de Carballo con maior éxito son as asociadas á piscina municipal. Así, das 1700 persoas que participaron nos distintos cursos ao longo deste ano, 670 son participantes das actividades desenvolvidas na piscina. E onte foi día de despedida de curso da campaña de natación infantil con varias xornadas de portas abertas na piscina do complexo deportivo Vila de Noia.
Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, para asistir, xunto coas familias, ao acto de entrega de medallas. As xornadas de portas abertas continúan hoxe nos horarios habituais das sesións de natación, entre as 16:30 e as 20:00 horas.
Neste curso que agora remata destacou o incremento de 120 prazas no programa de natación infantil, o que permitiu eliminar as listaxes de agarda para abonados/as de cinco e máis anos. O departamento de Deporte realizará unha valoración da
temporada para intentar seguir mellorando. Ademais da escola de natación infantil, con 670 alumnos/as a partir de 0 anos, a oferta de actividades con monitor/a do concello de Carballo tamén inclúe natación para adultos, natación terapéutica, natación para a terceira idade, aquagym, natación para embarazadas, ximnasia de mantemento para adultos/as e exercicio físico para
maiores.
Entre as 1.700 persoas que utilizan asiduamente as instalacións deportivas municipaisnon figuran as usuarias da sala fitness ou de baño libre nin as pertencentes ao asociacionismo deportivo, o que demostra o nivel de uso que teñen as instalacións do concello de Carballo.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo