As plantas baixas toman forma de vivenda en Carballo

Fai repaso a Oficina Técnica Municipal do Concello de Carballo do movemento no sector inmobiliario. Son xa 45 as solicitutudes de licenza para novas vivendas as presentadas no primeiro semetre (25 no primeiro trimestre e 20 no segundo.
Con todo, non serán novos edificios, porque a maior parte dos proxectos en tramitación permitirán habilitar vivendas en edificios xa existentes. E iso é debido, sobre todo, a que continúa á alza a reforma das plantas baixas, unha tendencia de todas as cidades que aproveitan a modificación das normas de habitabilidade de Galicia para facilitar que baixos comerciais ou entrecháns sen uso poidan reconverterse en vivendas. Por esta fórmula crearanse 13 vivendas a pé de rúa en inmobles situados nas rúas Fomento, Gran Vía (2), Vitoria (2) e Río Eume.
No segundo trimestre tamén se retomou, cunha nova solicitude de licenza, o proxecto de construción dun edificio de 11 vivendas na Praza de Galicia. Así mesmo, tramitáronse permisos para construír 6 vivendas unifamiliares en Carballo, Sísamo e Bértoa (4), que se suman ás 9 do trimestre anterior.
Proxectos xa aprobados
Por outra parte, hai proxectos en tramitación que consisten na ampliación e/ou reforma de edificios. No primeiro trimestre presentouse unha solicitude neste sentido, para construír 6 vivendas nun edificio situado na rúa Hórreo, e a licenza xa foi aprobada no segundo trimestre pola Xunta de Goberno Local. O inmoble, construído no ano 1946, consta de planta baixa dedicada a hostalaría e catro alturas, que agora mesmo carecen de uso e que poderán reformarse para albergar un total de 6 vivendas. Dado o seu emprazamento, na contorna de varios bens incluídos no Catálogo de Bens do PXOM _vivendas da Praza de Galicia, cruceiro e fonte_, foi preciso contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O orzamento das obras autorizadas supera os 230.000 euros.
Tamén está aprobada xa a licenza de reforma dun edificio situado na rúa Xílgaro, construído no ano 1983, que conta con planta soto destinado a rochos, planta baixa con uso de garaxe, planta primeira cunha vivenda e outras catro alturas, incluída a baixo cuberta, que carecen de uso. O proxecto, que ten un orzamento de máis de 130.000 euros, permitirá a instalación de ascensor e a reforma das plantas que carecen de uso para destinadas a vivendas, unha por planta.