Unha soa tarxeta para abrir as portas de todas as instalacións deportivas e Bibliotecas de Carballo


O Concello de Carballo presenta a nova tarxeta Carballo Porta Aberta, que cambia non só en canto ao deseño senón tamén no que se refire á súa aplicación. A tarxeta, que era utilizada exclusivamente nas instalacións deportivas, tamén serve agora para as bibliotecas municipais. Deste xeito, os usuarios/as das piscinas ou salas fitness só terán que facilitar os seus datos a primeira vez que aluguen un libro e a partir dese momento xa estarán dados de alta no servizo. As persoas que non sexan usuarias das instalacións deportivas poderán facer a súa tarxeta nas oficinas de Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión. Cada titular pode escoller se quere ser usuari@ só da bibliteca, só das instalacións deportivas ou dos dous servizos sen ningún problema.
A tarxeta Carballo Porta Aberta comezou a utilizarse no ano 2004, grazas a un convenio firmado entre o Concello de Carballo e Caixa Galicia, co obxectivo de axilizar o acceso ás instalacións deportivas, o que se consegue mediante un mecanismo que funciona por aproximación. Ademais, este sistema de control de accesos permite saber cantas persoas usan o servizo, que días e a que horas, datos moi útiles á hora de organizar o funcionamento das instalacións.
Os novos abonados das piscinas, as salas fitness e as bibliotecas xa están a recibir a nova tarxeta, cuxo deseño está inspirado na colorida fachada da piscina Vila de Noia, pero as primeiras en poder utilizala foron dúas deportistas carballesas que usan a diario as instalacións deportivas: Clarisa Alonso, nadadora do Club Fogar que vén de acadar a medalla de prata nos 50 metros espalda no Campionato de España Open Master de Inverno, e Valeria Gómez, deportista do club Sysca, que a pasada tempada foi campiona de España na categoría xuvenil, campiona absoluta na proba de bandeiras e primeira galega en todas as categorías, ademais de acadar a quinta praza na proba de bandeiras no Campionato do Mundo. Precisamente, Valeria Gómez atópase esta fin de semana en Francia, onde participa, xunto a Álex Regueira e Sandro Gómez, no Festival Internacional d’Hossegor, que supón a 1ª ronda do Euro Beach Flags e Oceanman Tour.
Novas relacionadas
- O Mes do Libro enche de actividades a Biblioteca de Carballo. Fonte
- Concello de Carballo.