mércores. 04.12.2024
El tiempo

A Xespol segue espallándose por Galicia trala arquivación do expediente aos seus dous creadores carballeses

Manuel Fuentes e Katerina Sanchez presentando a XESPOL
Manuel Fuentes e Katerina Pena presentando a XESPOL nun dos numerosos concellos que xa contan con esta ferramenta feita en Carballo e cedida gratuitamente
A Xespol segue espallándose por Galicia trala arquivación do expediente aos seus dous creadores carballeses

Hai case un ano que o Concello de Carballo abría, con demasiada dilixencia, un expediente aos dous carballeses creadores da pioneira ferramenta XesPol tras unha denuncia interposta por Labrax, precisamente a empresa que ten o contrato co Concello carballés do programa de xestión policial Appolo, moi semellante ao Xespol.

Esta semana coñecemos, por fin, o arquivo dos expedientes sancionadores, recoñecendo que a creación da Plataforma por parte de Katerina Pena Suárez e Manuel Fuentes Fraga non vulnerou a incompatabilidade cos seus postos de traballo. Un feito que ademais ratifica a posta en marcha da XesPol en numerosos Concellos de Galicia (xa son 28 e outros 8 en tramitación) e permitirá que esta plataforma se espalle por toda Galicia. Veremos se acaba sendo a que xestione tamén o exercicio da Policía Local carballesa.

Dende a Agrupación de Funcionarios/as A Alternativa consideran necesario afondar no asunto, ao considerar que “debería conlevar tamén implícita a asunción de responsabilidades políticas”. A Agrupación criticou gravemente a “doble vara de medir” con outras incidencias, tendo en conta a “sorprendente celeridade da administración para abrirlle expediente a estes dous profesionais”, sen poñerse en contacto con eles, en contraposición, por exemplo, co caso do Xefe da Policía Local, tamén obxecto dunha denuncia administrativa pero que recibiu un tratamento ben distinto por parte da administración.

A agrupación valora a “clarificadora” resolución, que aporta “probas e testemuños das persoas que foron citadas a declarar, constátase de forma contundente que non hai conduta punible por parte das dúas persoas denunciadas, pero demóstrase moito máis que iso, e, novamente, o goberno local e a cadro de mando da Policía Local quedan fortemente retratados. Particularmente, a lectura dos testemuños dos mandos policiais deixa moi tocada a súa imaxe. O xefe accidental, máximo responsable do corpo, recoñece na súa testifical que descoñece como funciona a aplicación Appolo, que é a ferramenta de traballo diario desta parte do persoal. Resulta sorprendente, co elevado número de horas que lle dedica ao seu posto (ou alomenos iso reflicten as horas extras que lle son aboadas), que non tivese aínda tempo ou vontade de coñecer o funcionamento desta aplicación, máis de dous anos despois da súa posta en marcha”.

Na resolución, a Agrupación apunta que o xefe accidental da Policía Local “recoñece ter facilitado a unha empresa privada informes internos, que agora son usados para atacar a axentes ás súas ordes, algo que se revela moi grave. Por se fora pouco, na súa declaración ameaza coa apertura dun novo expediente sancionador contra unha das persoas encausadas”.

Unha nominación

A boa nova case se completa cun premio. Katerina Pena chegaba esta semana á final dos Premios Meninas 2020, un premio a nivel estatal da Fiscalía Delegada de Galicia de violencia de xénero, que finalmente recaeu nunha sarxento da Policía Xudicial da Coruña. En todo caso, estar nominada xa foi todo un recoñecemento á súa labor, incluíndo na ferramenta XesPol un dispositivo que permite perseguir e instruir os delitos de Violencia de Xenero e Violencia Doméstica.

Novas relacionadas

Comentarios