Domingo. 28.04.2024
El tiempo

A Xunta fuxe cara adiante e nin recoñece o recorte no CEIP Xesús San Luís Romero

Noelia Otero CEIP Carballo 150923 01
Familias do CEIP Xesús Romero cos membros do PSOE no Parlamento
A Xunta fuxe cara adiante e nin recoñece o recorte no CEIP Xesús San Luís Romero

Debatiuse este venres no Parlamento os recortes educativos que a Xunta vén de realizar este comezo de curso no Colexio CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo. Uns recortes que levaron a ducias de familias á saír á rúa e mesmo acodir ao Defensor do Pueblo e que mesmo conseguiron que PSOE e BNG levasen sendas propostas ao debate do Parlamento para instar ao goberno galego a .

Lonxe de escoitar as demandas dos grupos da oposición, e das familias afectadas, a Xunta tira cara adiante e mesmo sinalou que “o CEIP Xesús San Luñis Romero conta este curso co mellor atención ás necesidades especiais”. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, argumentou que o centro conta este ano con 2 auxiliares máis en Pedagoxía Terapéutica e un máis en Audición e Linguaxe. “O centro conta con 17 docentes, un por riba de catálogo”, sinalou con rotundidade, obviando as outras cifras.

”É unha media verdade, porque si é certo que deron 2 PT máis, pero non din que quitaron 2 titoras e media coidadora, e horas de orientación, cando ademais sumamos máis nenos con necesidades especiais”, explica dende a ANPA Valería García Rey.

Con argumentos como “versatilidade” a Xunta intenta xustificar unha medida, de base, perxudicial para o ensino, como é o agrupamento de aulas. Este curso os cursos de 4º e 5º de infantil terán que ir xuntos a clase, e a Xunta volve tirar de cifras, esquecendo as necesidades singulares de cada grupo, e “o número total de alumnos, 16, mantense por debaixo da rateo”. A realidade é que 9 dos 31 nenos e nenas escolarizados no ciclo de Infantil teñen Necesidades Educativas Específicas, o que lles obriga a traballar en Infantil cunha aula mixta e sen contar coa figura da mestra de apoio.

“Temos un recorte en toda regla”

”Eu para nada estou dacordo cos argumentos da Xunta, hai que ter en conta as necesidades específicas do alumnado. Temos un recorte en toda regla. Basta con acodir estes días ao centro e ver que as profesionais están colapsadas e que os nenos non están tendo unha atención de peor calidade. Veremos ademais cando alguén colla baixa, e aí a ratio vaise completar moito máis”, lamenta.

Moción do PSOE

Os dous grupos levaron sendas mocións ao Parlamento. Por un lado a socialista Noelia Otero criticou que a consellería está “instalada dende hai tempo nunha fuxida cara adiante na que non escoita, non dialoga e mesmo incumpre os seus compromisos”. Lembrou así o compromiso da Inspección educativa cos pais e nais do centro de Carballo de manter os recursos terapéuticos adxudicados, só dous días antes de comunicarlles o peche dunha das tres aulas de infantil, para agrupar nunha soa aos nenos e nenas de 3 e 4 anos. A situación “preocupa non só á Anpa, senón tamén aos docentes e á propia dirección do centro”, asegura o PSOE, despois de reunirse con varias familias que quixeron estar presentes no debate.

A experiencia de Antón

Pola súa parte, o deputado carballés do BNG Daniel Pérez leu un texto escrito pola nai dun neno con retardo madurativo contra a supresión da unidade de infantil e a ‘amortización’ de prazas de profesorado pola perda de catro matrículas.
O texto reflexa o sentir das familias ante os recortes no centro, onde este curso 31 nenos e nenas de Infantil foron agrupados en 2 clases. Nese texto, a nai de Antón di que “non se poden consentir máis recortes” nin que “os nosos fillos e fillas, os máis vulnerables, sexan os máis castigados do ensino público galego”. E no nome das nais e pais do alumnado pide á Consellería de Educación que “recapacite” e que “as nosas mestras que tanto traballaron en equipo para facer desta escola un centro recoñecido polo seu labor de integración e inclusión comecen o curso xunto cos nosos cativos e cativas, na súa praza, no lugar que lles corresponde e así nós, as familias, poidamos descansar tranquilas”.  


Máis Recortes na Costa da Morte

Os socialistas lembraron outros recortes na nosa comarca, en centros como o dos Muíños en Muxía e os IES Agra de Leborís e CEIP Otero Pedrayo da Laracha, que levaron a 900 alumnos e alumnas a quedar na casa no inicio do curso en sinal de protesta, e que son só unha mostra do que está a suceder en toda Galicia.

Subliñou que a baixada da matrícula en Infantil e Primaria “non pode ser una escusa para pechar unidades e recortar profesorado”, dando conta do peche de dúas novas escolas unitarias na comarca.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios