Aprendendo a coidar un viveiro en ADISBISMUR


Un grupo formado por 15 persoas con discapacidade intelectual dos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Carnota, estanse a formar nun curso de Viveirismo que lles imparte a Asociación de Discapacitados da bisbarra de Muros (ADISBISMUR).
O curso, que se espera que subvencione novamente como ocorreu en anos anteriores a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería de Medio Rural, terá unha duración de 85 horas lectivas que se reparten en clases en horario de mañá e de tarde: de 10:30 a 13:30 e de 15:00 a 17:00 horas.
Temáticas como o coidado das plantas, cando se sementan, como se abonan, os tipos de solo, son algunhas das materias que o alumnado ten que asimilar para poder superar esta acción formativa que vai rematar o vindeiro día 11 de outubro.
Este tipo de formación é moi útil para poder traballar despois no centro especial de emprego que a asociación Adisbismur ten en Niveiro e en Carnota; trátase de dous viveiros que se dedican ao coidado de plantas e árbores e neles traballan persoas con discapacidade intelectual.
A través deste curso, as persoas que xa están traballando no centro especial de emprego amplían coñecementos no coidado das plantas e o resto aprenden a profesión e poderán seguir perfeccionándoa coa asistencia a novos cursos cos que se pretende, en definitiva, darlle unha oportunidade ao colectivo das persoas con discapacidade, tantas veces castigado polo paro laboral.
Novas relacionadas
- Inaugurados os 2 novos invernadoiros en Lamas de Castelo que o Concello de Carnota cedeu a ADISBISMUR.
- Abidismur forma e contrata xardineiros.
- Cee e Muros navegan da man de COGAMI.
- Os usuarios de Adisbismur tamén son mariñeiros.
Fonte
- Nota de prensa da COGAMI.