Buserana cumple 15 anos loitando polos dereitos da Muller
Pedían onte as Mulleres da Organización Feminista Buserana un Rincón Violeta na nova Bibioteca de Cee. Unha entidade que cumpre nada menos que 15 anos e que non ten parada, e que xa ten armados os actos pola data e polo aniversario, como cada ano, polo 8 de Marzo, Día da Muller. Será a Praza 8 de Marzo de Cee o epicentro das actividades, que se desenvolverán o venres 6, ás 20:30 horas.
A cita será protagonizada pola multidisciplinar artista de Sartiñeiro, Palmira Castro, que realizará unha performance baixo o nome “Mimadriña querida!”, que ten moito que ver con toda a súa arte de papel, como esta colcha con 2000 corazóns de papel que fai como agasallo á entidade. Unha colcha que servirá para abrigar “ca manta e cunha aperta enorme e compartida a escultura que homenaxea a tódalas mulleres”.
“Un agasallo polos seus 15 anos de loita para defender a vida e a historia cotiá das mulleres da nosa comarca, 15 anos de historias auténticas, 15 anos poñendo o corazón nas mans”, explica a propia Palmira.
Ademais, As Buseranas animan a toda a veciñanza comprometida costeira a achegarse o vindeiro domingo 8 a Santiago de Compostela, ás 12:00h, á manifestación conxunta a nivel nacional, baixo o lema “Feminismo para avanzar . Xuntas nunha mesma loita” que sairá da estación de tren.
Xornadas en Carnota
Con motivo da conmemoración do Día da Muller Traballadora, este sábado 7 de marzo terán lugar, no salón de actos do Concello de Carnota, unhas xornadas coa seguinte programación:
- 17:30: Presentación das xornadas a cargo de Mercedes Díaz Mayán, Concelleira de Igualdade, Muller e Servizos Sociais.
- Representación da obra de divertido teatro “O MACHISMO QUE NOS CRIOU” na que actuarán a nova fornada de actores e actrices do noso concello. Colaborarán con elas e eles CESAR CAMBEIRO e BELÉN DA CREGA.
- 18:30: Entrega de agasallos ós/ás premiados/as nos concursos de debuxo e literarios que se desenvolveron ó longo da semana, dirixidos ós colexios do municipio e á poboación en xeral.
Unha documental en Cee
A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova e a Comisión de Acción Feminista do BNG da Costa da Morte presentan o próximo venres 6 ás 19:00h no Salón de Plenos de Cee, o documental "Costa das mulleres". Unha pequena "homenaxe necesaria para lembrar o pasado, vivir o presente e mellorar o futuro das mulleres da nosa comarca".
Máis actividades do CIM de Cee
O Centro Social de Cee acolle o xoves 5 de marzo un Almorzo-Tertulia ás 10:30h, ao que poden asistir todas as mulleres que desexen participar desta actividade. Falarase de diversos temas relacionados coa muller: emprego, Igualdade, evolución social e laboral…
Ademais, o día 6 de marzo ás 13:00h (diante do Concello) haberá una concentración e lectura do manifesto por parte da concelleira de Igualdade: Mabel Fernández Durán.
Coeducación en Corcubión
E tamén haberá actividades no Concello de Corcubión con motivo do 8 de Marzo Día da Muller. O sábado 7 de marzo, de 11:00 a 13:15 teremos un contacontos e uns xogos tradicionais para coeducar en igualdade.
Vimianzo en marcha
O Concello de Vimianzo arma unha concentración ás portas do Concello, como tódolos anos. Ademais, hoxe xoves presentarase na Casa da Cultura o III Plan para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Vimianzo e acto seguido pintarase un mural conmemorativo do Día Internacional da Muller. Se queres participar con nós e deixar a túa pegada no mural achégate á Casa da Cultura ás 17.30 horas.
Novas relacionadas
- Buserana pide un Rincón Violeta na nova Biblioteca de Cee.
- Mimadriña tamén viste a cociña.
- Entrevista Mimadriña: “Moita xente pequena, facendo cousas pequenas, en lugares pequenos…”.
- As mulleres da Buserana alzan a voz na Costa da Morte contra a reforma da Lei do Aborto.
- 10-02-14: Accións polo dereito ao aborto na Costa da Morte.
- A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova Costa da Morte denuncia a reforma do aborto.
- As mulleres da Costa da Morte volven expresar o seu dereito a decidir.
- As mulleres de Cee non queren rosarios nos seus ovarios.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).