Martes. 19.03.2024
El tiempo

As mulleres de Cee non queren rosarios nos seus ovarios

As mulleres de Cee non queren rosarios nos seus ovarios
Lendo o manifesto en contra da reforma de Gallador da lei do aborto en Cee

Esta foi unha das frases que levaron as mulleres do BNG na concentración que realizaban onte diante do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Unha concentración en contra da modificación da actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo que anunciaba o ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón.

Segundo as denunciantes, a modificación "ameaza con volver a unha lexislación anterior á despenalización de 1985, devolvendo o dereito ao aborto ao Código Penal". Enteden ademais, que a idea vén obrigada pola Conferencia Episcopal, "aliado do Partido Popular nesta empresa de lexislar sobre os corpos das mulleres", ao igual que acontece coa reforma educativa na que a Relixión vai contar tanto como as Matemáticas.

Segundo o BNG, "coa proposta do Partido Popular de reforma da lei do aborto os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres retroceden máis de 25 anos. A proposta, esbozada apenas por declaracións políticas nos medios de comunicación, pon en cuestión a vida das mulleres e a súa autonomía para tomar decisións que lles afectan. Non queremos unha modificación que vai provocar diferenzas de acceso á interrupción voluntaria do embarazo en función da situación económica das mulleres, que supón pretender que as mulleres necesiten o permiso dun profesional ou titor (caso das menores) para tomar as súas decisións, que persiga mulleres e profesionais que escollan interromper o seu embarazo ou realizar a intervención, que cuestione a decisión das mulleres ou que devolva o aborto á clandestinidade con terríbeis consecuencias para a saúde das mulleres".

Fronte a isto "o BNG defende o dereito das mulleres a decidiren libremente sobre os seus corpos, sen que a Conferencia Episcopal ou o goberno inflúan ou condicionen a súa decisión". Por iso consideran que, "malia que actual lei ten numerosos aspectos mellorábeis como a regulación da obxección de conciencia dos profesionais, o período de 3 días de reflexión das mulleres ou non garantir que a interrupción do embarazo se realice na sanidade pública, non podemos dar pasos atrás na lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo".

Concentración do BNG ás portas do HVdX de Cee en contra da reforma da lei do aborto do PP

Estas son pois a demandas do BNG.

  • Que non se cuestione a liberdade das mulleres para decidir sobre os seus corpos.
  • Campañas de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamentais para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
  • Manter a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo ou que calquera modificación desta sexa en favor da libre escolla das mulleres.
  • Medidas para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
  • Regular a obxección de consciencia d@s profesionais para garantir a atención ás mulleres.
  • Garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva.
  • Eliminar as subvencións a entidades contrarias á libre escolla das mulleres como Red Madre e as referencias a este tipo de entidades na información que facilita a Xunta ás mulleres que deciden interromper o seu embarazo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG.

Comentarios