Carnota celebra o Día de Rosalía con 3 días de actividades para todas as idades
Xa vimos as propostas para o Día de Rosalía de concellos como os de Carballo, Santa Comba, Coristanco, Fisterra ou A Laracha. Un Día que este ano cambio de data, e se adianta ao 23 de febreiro (non 24 como viña sendo), despois da descuberta da verdadeira data de nacemento da nosa simbólica poeta.
Por Carnota tampouco queren deixar pasar a oportunidade de lembrala e formualn un programa da man do Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Cultura, en colaboración coa Libraría Chorima, que pretende involucrar a comunidade educativa e a veciñanza en xeral.
O luns 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo achegarase á autora a través do espectáculo Os poderes de Rosalía, una sesión de contacontos a cargo de Pedro Brandariz, que se desenvolverá nos propios centros educativos, en tres pases.
O 23 de febreiro realizarase unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro, aberta á toda a veciñanza, organizada conxuntamente polo Concello de Carnota e a Libraría Chorima. O acto terá lugar a partir das 12.00 h, na Praza de Galicia, fronte á libraría. Quen desexe participar pode achegarse ao lugar cun texto da autora xa escollido ou elixir algún dos que teremos dispoñibles para a lectura. Haberá bolígrafos conmemorativos para as persoas participantes.
O 24 de febreiro rematará a celebración cunha lectura da obra rosaliana a cargo do alumando do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo, que terá lugar na Praza de San Gregorio, a partir das 11.30 h.