Carnota dá Vitaminas ao galego cun gran Mes das Letras
Completísima a oferta cultural que prantexa o Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Carnota, demostrando unha vez máis que son estas entidades as que máis traballan na dinamización cultural dos centros de Ensino. Así, xa teñen artellado un amplo abano de actividades culturais para o mes de maio, arredor da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao polifacético autor pontevedrés, Valentín Paz Andrade.
A programación inclúe actividades de animación á lectura en lingua galega para o público infantil, actividades de aproximación ao autor homenaxeado e accións de dinamización lingüística para todos os públicos.
Entre elas, destacamos a colaboración coa Campaña Vitaminas para o galego, que 25 medios de comunicación estamos a preparar para o mesmo Día das Letras Galegas, chamada Vitaminas 17, que se fará pública nas vindeiras semanas pero que explicamos de seguido.
Vitaminas 17
Deste xeito, a campaña #Vitaminas17 pretende facer unha lectura simultánea Manifesto de Vitaminasparaogalego, en 17 concello, 17 colexios e 17 linguas. A idea é grabalas e subilas á rede para crear un "videowall" o mesmo día ads letras galegas. Un dos concellos da zona que colaborará será o Concello de Carnota, que xunto ao IES Lamas de Castelo súmanse á iniciativa Vitaminas 17, co obxecto impulsar e apoiar os medios de comunicación no noso idioma.
Así pois, o alcalde de Carnota participará o día 16 de maio na lectura simultánea do manifesto da campaña, diante da Casa do Concello. A súa lectura será gravada en vídeo e subida á web vitaminasparaogalego.gl, xunto coas de todas as organizacións e institucións que apoien a iniciativa. Pola súa banda, o alumnado e o profesorado do IES Lamas de Castelo contribuirán tamén coa súa lectura. Alén diso, o Concello de Carnota distribuirá material co lema desta campaña nos centros educativos do municipio, como son lápices e marcapáxinas.
Animación á lectura
No campo da animación á lectura, o 14 de maio desenvolverase no CEIP do Pindo o espectáculo infantil A ratiña presumida e o ratiño presumido, coa Compañía do Trinke Trinke, e o día 16 o alumnado do CEIP de Carnota gozará co contacontos Caxoto e seu espectáculo musical Conto para escoitar mentres bailamos un valse.
Así mesmo, o 11 de maio ás 18:00 h, no marco do programa Venres Lúdicos da Axencia de Lectura Municipal, desenvolverase o obradoiro Escola de maxia, da man de Cucarandainas. A actividade está dirixida a nenas e nenos a partir dos tres anos e non é preciso realizar inscrición previa.
Divulgación de Paz Andrade
No ámbito das accións de divulgación do autor homenaxeado, desenvolverase unha presentación multimedia sobre a súa traxectoria vital, baixo o título Valentín Paz Andrade: Galicia como Tarefa, a cargo da técnica municipal de normalización lingüística. A actividade, dirixida ao alumnado de educación primaria do CEIP de Carnota e aos usuarios do Centro de Día de Pedramarrada, terá lugar na Axencia de Lectura municipal os días 14 e 15 de maio ás 11:25 h e ás 16:30 h, respectivamente.
Na mesma liña, as sesións dos Venres Lúdicos dos días 18 e 25 de maio estarán dedicadas a Valentín Paz Andrade, cun obradoiro de ilustración para o público infantil artellado arredor do poema “Cantarela do Camiñante”, publicado en Sementeira do Vento. Terá lugar na Axencia de Lectura Municipal, a partir das 18:00h.
Dinamización lingüística
Pecharemos o mes de maio cunha actividade de dinamización lingüística para todos os públicos, integrada no programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase do espectáculo teatral O señor das dunas, de Merlín Comunicación, empresa do Grupo Editorial Galaxia, no que intervirán o actor Mani Braga e o ilustrador Dani Boullosa, baixo a dirección artística de David Hernández. A montaxe está pensada para o público familiar e artéllase arredor de cinco historias da literatura tradicional galega maxistralmente ilustradas en directo con area. A función terá lugar o domingo 27 de maio, ás 12:00h, no salón de actos do Concello de Carnota. A entrada é libre e todas as persoas asistentes recibirán como agasallo un libro coas historias que se narran na montaxe.
Novas relacionadas
Programas das Letras Galegas
- Festiletras: Arrinca un Festiletras con 30 anos de bulir cultural.
- Cee: Cee artella un programa das Letras Galegas con teatro, pintura, música e moito máis.
- Fisterra: Hiphop, poesía e humor para o mes das Letras Galegas de Fisterra.
- Muxía: Abente será homenaxeado nun completo programa das Letras muxián.
-
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Carnota, da man de Luísa Beiro Agulleiro Técnica de normalización lingüística.