Carnota e Muros tamén terán novo Obradoiro de Emprego

Xa o anunciaron A Laracha; tamén Dumbría, Cee e Corcubión e Vimianzo, Muxía e Camariñas. Todos estes concellos terán novo Obradoiro de Emprego para este vindeiro curso.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén aprobou o desenvolvemento do Obradoiro Dual de Emprego, promovido polos Concellos de Muros e Carnota, denominado “Costagrande”. Trátase dun programa mixto de emprego e formación que terá unha duración de 12 meses, cunha etapa de formación en alternancia co traballo ou práctica profesional, dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
Contarán cunha partida de 500.000 euros para formar 20 alumn@s nestas dúas modalidades:
- Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción (10 alumnos/as)..
- Confección e publicación de páxinas web (10 alumnos/as).
A data prevista de inicio do Obradoiro é o 19 de setembro de 2022. As persoas interesadas deberán solicitalo de forma presencial na Oficina de Emprego de Cee (con cita previa) ou a través da web da Oficina virtual. A data límite para efectuar a solicitude será o 16 de agosto.