Luns. 06.12.2021
El tiempo

Carnota volve enfrontarse tralo derrubamento da Caseta de Miché

Caseta de Mille antes e despois do derrubamento
Caseta de Mille antes e despois do derrubamento
Carnota volve enfrontarse tralo derrubamento da Caseta de Miché

Semellaba que o clima político se ía calmando en Carnota, pero a renovación da contorna do Faro de Lariño volve provocar lume cruzado entre goberno e oposición. A Demarcación de Costas, no marco da renovación da senda entre o Faro e Mallou, ordenaba a semana pasada a Tragsa o derrubamento dunha caseta situada en dominio público, xusto embaixo do Faro.

Era unha caseta que levaba moitos anos esquecida, abandonada, que ningún goberno municipal na última década se ocupou de coidar. Pero era unha caseta moi especial, unha caseta con historia, como todas as que se manteñen erguidas, por exemplo en Caldebarcos. A “Caseta de Miché” forma parte da serie espazos que contan a vida mariñeira do concello carnotán.

A nivel veciñal, a sensación é de máxima tristeza pola perda do seu patrimonio. Así o ratifica o comunicado do colectivo “Salvemos o Faro Lariño” que durante anos pelexou pola recuperación do Faro como espazo para a veciñanza, que lanzaba unha mensaxe clara: “Non sobra ningunha “ruína””, en alusión ás verbas do alcalde nas que calificaba con estas palabras a caseta.

O asunto saltou ao pleno do pasado día 27, cando o BNG pregunta se o Concello era consciente do feito, e o alcalde replicaba que “non”. A teniente alcaldesa Merche Noceda (natural de Lariño), aseguraba que o derrubamento “tamén nos collíu por sorpresa. Non tíñamos constancia das intencións de Costas”, aseguraba. Deixaba entre ver que a día de hoxe era un caso de “feísmo”, pero “de saber este final, buscaríamos a forma de rehabilitala para darlle outra vida”, explicaba.
O alcalde, Juan Manuel Saborido “Moma”, sinalaba que “Costas tiña unha orde de derribo dende había máis 10 anos”, pois no Ministerio non constaba nin propiedade, nin catalogación, pero que dende o grupo de goberno non tiñan constancia. Así e todo púxose en contacto coa familia de Miché, para trasladarlle a súa máxima disposición a todo.

Obras no paseo da praia de Larino
Imaxe das obras no paseo da praia de Lariño

Dende o BNG local lamentan o “triste” da Caseta, e consideran que o grupo de goberno minte, que “si tiñan información e que nada fixeron por arranxalo”. De feito recoñecen que o ex alcalde si que coñecía o asunto, e que mesmo Costas instou ao Concello a iniciar proceso de expropiación para o derrubo, ao cal este se opuxo frontalmente. “Agardamos que esta sexa a última afrenta ao noso patrimonio pesqueiro coa pasividade e permisividade do actual goberno municipal, xa que na mesma situación atópanse unha longa lista de casetas de mariñeiros ao longo de todo concello”, remata o BNG.

comentarios