Conta atrás para a histórica estrea do Auditorio do Viso
O vindeiro mércores 17 de decembro será un día histórico en Carnota. Será pola celebración do marabilloso Festival de Nadal da Escola de Música de Carnota, pero sobre todo, pola inauguración do Auditorio do Viso, "un lugar polo que se loitou moitos anos", e que por fin é unha realidade.
Así o entende o tecido cultural do Concello, que pon en valor o esforzo por rematarse nesta lexislatura esta fundamental infraestrutura cultural, gracias a un investimento total duns 300.000 euros, dos que a Deputación achegou un 80% e o Concello o 20% restante.
”Fíxose realidade unha necesidade que todo o pobo levaba anos implorando”, apura Alianza Uhia, técnica cultural do Concello e ao mesmo tempo, directora da máxica ESMU carnotá.
A posta de longo será o día 17, a partir das 18:30h, e será, como mostra e agradecemento e recoñecemento, co Festival de Nadal da ESMU. Unha cita moi especial que contará coa actuación de 60 alumn@s (non poderán estar os 224 que forman parte da ESMU, pero prometen outros eventos públicos para un futuro cercano), e que de seguro, conseguirá xuntar máis de 300 persoas, unha “utopía” para unha vila como Carnota.
Aínda quedan cousas
Con todo, o auditorio aínda non está rematado. Si que conta co escenario e as 240 butacas, pero aínda faltan outros elementos para acoller espectáculos complexos: o telón, os camerinos, a luz e o son.
Por agora, mentres o Concello traballa para conseguir máis financiamento, contarán cun equipo cedido pola Asociación Relámpago de Sanmede, e un piano eléctrico regalado pola Asociación de Empresarios de Carnota, para acoller os diversos eventos que se poidan realizar, incluído o festival.