xoves. 02.10.2025
El tiempo

A ESMU de Carnota volve batir o seu propio récord con 223 solicitudes

PROFES da EsMU de Carnota
O profesorado da ESMU de Carnota
A ESMU de Carnota volve batir o seu propio récord con 223 solicitudes

223 solicitudes de inscricións! Volveu superar a súa mellor marca a Escola de Música de Carnota, que xa ten todo listo para o comezo do novo curso. 

Con todo, cun elenco de 5 mestres e mestras é imposible atender a todo o alumnado, polo que algunhas solicitudes seguen en lista de espera a que haxa un oco para poder obter horario. Os/as Mestres levan anos na ESMU, traballando cóbado a cóbado xuntos para que esta escola funcione como unha equipa sen fisuras. Eles son:

- Castor Montes Quintillán: Mestre de guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico e ukelele.
- Carlos González Giráldez: Mestre de batería, percusión, combos e Linguaxe Musical.
- Ramón Domínguez Calvo: Mestre de gaita, pandeireta, música tradicional e director da Coral Polifónica da ESMU
- Ana Blanco Gómez: Mestra de Linguaxe Musical, Música e Movemento, Piano, Canto e as colectivas infantiles de Orquestra Orff e Canto.
- Alianza Uhía Patiño: Mestra de Linguaxe Musical, Piano e Organización e Dirección do centro.

Na ESMU de Carnota non só se dan clases de instrumentos, tamén se fan actuacións musicais de grupos profesionais, concertos didácticos por parte de músicos invitados e amigos (grupos formados xa, que veñen á que foi a súa escola para falar e tocar co novo alumnado como foi o caso dos The Rapants, de Adhara e Ritman, dos Deleiba, dos Lisdexia, dos The Balayos, de Xur, etc ), fanse masterclass interesantes para a vida dos músicos aficionados (coidado de instrumentos da man de Toxo luthier, grabación e edición de videos musicais, coidado da voz, a historia do piano, etc).

O alumnado tamén fai microconcertos durante o ano na propia escola; organizan saídas a mostrar a nosa arte á gardería, centro de día, instituto, etc e a Coral Polifónica mostra as súas grandes voces ao longo de toda Galicia e tamén no propio concello, xa que as comisións de festas contan sempre con ela para a honra dos patróns/oas e o grupo das pandereteiras que sempre se apuntan a amenizar calquera festa, a un bombardeo, coa mellor música tradicional, coa mellor vontade e co seu sorriso permanente.

Comentarios