Milucho Louro, candidato do BNG para relevar a Moncho Noceda na alcaldía de Carnota


Novos movementos nas agrupacións locais de cara ás Eleccións Municipais de maio de 2019. Desta volta toca ir a Carnota, onde ao BNG tócalle, dende o poder, facer unha fonda transformación. Hai unhas semanas que o actual rexedor, Moncho Noceda, comunicaba á asemblea a súa intención de poñer fin á súa etapa na alcaldía de Carnota, ao atoparse xa preto da súa idade de xubilación, despois de 8 anos de goberno.
Unha Asemblea que propuxo o nome de Emilio Louro, coñecido como Milucho, como candidato á alcaldía. Este non dubidou en aceptar esta nova singradura en terra, despois de ser unhas das voces máis importantes do sector do mar de toda a bisbarra.
Milucho, natural de Lariño, de 52 anos, foi secretario da pioneira confraría de Lira e un dos grandes responsables da Reserva Mariña dos Miñarzos, un proxecto polémico na casa e un exemplo de sostibilidade no resto do mundo.