mércores. 04.12.2024
El tiempo

Un novo modelo de turismo e innovación érguese en Carnota

GALICIA_REMOTA_en Carnota-Foto-Sam Ponsford
Foto-Sam Ponsford
Un novo modelo de turismo e innovación érguese en Carnota

Carnota está de moda. Así o levamos comprobando nos últimos meses con proxectos tan interesantes como o retiro Semilla e coa chegada de ducias de emprendedoras que se afican neste paraíso. 

E coa intención de atraer ao rural galego a teletraballadores remotos de todo o mundo, chega o proxecto Galicia Remota - Carnota, unha experiencia innovadora financiada pola Deputación da Coruña e o Concello de Carnota.

Trñatase dunha experiencia que "desafía as convencións do traballo remoto e do coliving rural. Este proxecto non só busca ofrecer un espazo para traballar e descansar, senón que tamén aposta por implicar aos traballadores remotos nun reto local para xerar un impacto positivo no territorio".

O proxecto parte dos dous grandes problemas que sofre Carnota: a perda de poboación, e a excesiva concentración de turistas nos meses de verán. O reto local desta experiencia busca dar unha solución a ambos.

Por unha banda, os protagonistas da experiencia, que se desenvolverá do 4 ao 25 de maio deste ano, participarán directamente en retos con emprendedores e artesáns locais, coa única finalidade de compartir coñecemento e medrar nos seus proxectos. Os 12 participantes experimentarán de primeira man como esta paisaxe serviu de inspiración artística a tres emprendedores rurais que son parte fundamental da experiencia. Alicia Vázquez (Alivavá), Nacho Porto (Mestre Ceramista) e Alba Fernández (A Maceta de Muros) compartirán a súa visión e paixón por este recuncho tan especial de Galicia.

E por outra banda, esta experiencia pretende transmitir á mocidade local as oportunidades do emprendemento e do traballo a distancia como posible camiño de futuro, e de vital importancia para fixar poboación no rural. Teletraballadores e alumnos de 4º da ESO traballarán xuntos nunha idea de proxecto sostible para Carnota. “Esta experiencia carece de sentido se non se comparten coñecementos e experiencias. Necesitamos que emprendedores locais e máis novos estean en contacto cos teletraballadores. E viceversa, a nosa forma de vida será unha inspiración para quen nos visite”, sinala Javi Boquete (Galicia Remota), responsable da experiencia, dinamizador rural e veciño do concello. “O gran obxectivo desta novidosa iniciativa, ademais de ser unha experiencia turística única de integración no territorio, é dinamizar e desestacionalizar a economía local”.

Ademais dos retos locais, os teletraballadores remotos coñecerán os enclaves máis fermosos da contorna a través de diferentes actividades como visitas históricas a Fisterra ou Muros, dinámicas de coaching e teambuilding, rutas de sendeirismo, sesións de Pilates e Ioga ao solpor ou correndo nos máis de 7 km. da maxestosa praia de Carnota.

Por último, o aloxamento en Aldea Soma, un aloxamento rural sostible e innovador situado en Panchés, unha pequena aldea do concello con vistas ao mar e situado nas ladeiras do monte Pindo, ofrece un espazo ideal para teletraballar, descansar, conectar coa natureza e desconectar do axetreo urbán, con espazos de traballo compartidos que fomenten a convivencia e un entorno propicio para a inspiración e a creatividade.

Esta primeira experiencia en Carnota é a punta de lanza desta innovadora iniciativa. “Agradecemos moito que a Deputación da Coruña e o Concello de Carnota aposten por un novo modelo turístico, e a nosa intención é levar o rural ao lugar que merece dende fai tempo, pero non a calquera prezo. Este tipo de experiencias son sostibles e tranquilas, con impacto directo no territorio, e onde a tranquilidade e o intercambio de experiencias e coñecementos son protagonistas. Queremos trasladar este modelo turístico a outros entornos rurais, pero con respecto e coidándoos tal e como son. Estas experiencias son innovadoras e provocan un cambio real porque traballamos con grupos reducidos e hai moito mimo”, sinala Javi Boquete, quen para esta iniciativa en Carnota atopou o apoio e a experiencia de Pueblos Remotos, un proxecto cunha amplia experiencia no rural canario.

Para obter máis información sobre esta experiencia única, visita www.pueblosremotos.com/carnota ou www.galiciaremota.com.

Máis novas

Comentarios