O temporal atiza o vento e rompe muros
Estes días o temporal azouta a Costa da Morte. As temperaturas veñen de baixar drasticamente dende a pasada semana (quedamos xa entre os 12 e os 17º) e non nos librarán das choivas se cadra ata dentro de unha semana (ou máis). E tampouco nos lirarán do vento, que este mediodía, rexistraba nas estacións de Meteogalicia refachos de 122 km/h en Vimianzo e de 103km/h en Lira.
Ademais temporal xa arrincaba un amarre no porto de Muros. Pero probablemente a consecuencia máis drástica descubríase esta mañá no Recheo de Cee. O mar quere voltar ao seu lugar e como vemos nestas fotos de José Carlos Fariña, o muro do canle veu abaixo.
Dende o Concello xa están traballando para recuperalo, pero o feito dá conta de que as construcións sobre o mar teñen o seu perigo. Esperemos que non se repitan as inundacións de antano. Con todo, algún veciño apunta que o muro tiña xa un desnivel de 10cm dende antes do verán polo que non entende que non se teña reparado antes de que sucedera a demolición.
Novas relacionadas
- 26-10-09: As choivas volven inundar Cee.
- 08-10-09: As choivas abren vellos temores e en Cee.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Europa Press.