Os veciños de Caldebarcos volven armar a Romaría fetén
É unha das romarías máis auténticas da zona. A de Caldebarcos reúne todo o que unha boa romaría necesita, con gastronomía, música, trasnadas, risotadas… Unha verdadeira xuntanza a que artellan os veciños de Caldebarcos despois de térense reunido nas asembleas da “Comunidade de Montes”, da Asociación de Veciños “Xurde Caldebarcos” e da Comunidade de Augas. Asembleas nas que deron conta da folla de ruta do ano pasado e fixeron unha previsión de actuacións para este ano 2015, comezan o programa do verán este sábado día 6 de Xuño coa Romaría dos Muíños.
Despois virá a Sardiñada e a Festa do Carme. E contan con poder dar a gran sorpresa do verán no mes de agosto con un acto orixinal na Mirtanda de Caldebarcos. Un acto simbólico que pretenderá ser unha homenaxe á vida do Mar, ó nacemento da Lúa e á morte do Sol, na Costa da Morte.
Pero de momento quedámonos coa cita deste sábado 6 de xuño: A Romaría dos Muíños, na que colaboran ademais a Deputación da Coruña, o Distrito forestal de Vimianzo, o Concello de Carnota e as Cociñeiras de Caldebarcos. Na que contan con Santi Romay como pregoeiro. Actor inmenso de Malpica, sobradamente coñecido en toda Galicia e que actualmente deléitanos coas súas intervencións na serie “Casa Manola”, e que estivo compaxinando co seu traballo na última montaxe do Centro Dramático Galego titulada “Xardín Suspenso”.
Contarán ademais nos Muíños co desembarco musical máis grande que nunca se ten visto e que chegan desde Corcubión: Millo Verde, As Xaviñanas e os Gaiteiros da casa.
Gozarán tamén co orixinal espectáculo “Instrumentos pobres”, de Xabier Blanco, que ven desde Bueu, e que vai facer vernos no espello da música de moitas das nosas tradicións.
E, por suposto, e tan importante, contarán con cantadores, contadores e poetas locais e foráneos. Pero todos serán tratados… como da casa, diso damos fé.
Xa se sabe, nos Muíños:
Aquí todo compartimos
que o digo de bos modos
porque todo o que hai aquí
o que é de un é de todos.
Novas relacionadas
- Romaría 2012: Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo.
- 10 anos seguindo a remar dende o Pindo.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).