martes. 05.05.2026
El tiempo

Volven as Tardes con Apego do Concello de Carnota para as crianzas máis pequenas

Marta-Ortiz-Tralará_0
Marta Ortiz abrirá o programa
Volven as Tardes con Apego do Concello de Carnota para as crianzas máis pequenas

A partir de maio bota a andar un novo ciclo de actividades dirixidas a familias con crianzas de 0 a 6 anos, promovidas dende o Servizo de Normalización Lingüística dos Concellos de Carnota e Mazaricos, dentro do programa colaborativo Apego, para favorecer a crianza e a socialización en galego dende as idades máis temperás.

A participación é gratuíta pero para algunhas das actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a cultura@carnota.gal no que se debe indicar:  nome completo e idade das crianzas, nome completo das persoas adultas acompañantes (máximo 2) e teléfono de contacto.

A inscrición pode realizarse ata as 14:00 horas do día anterior ao espectáculo. Unha vez realizada a inscrición, o SNL confirmará a admisión na actividade.

Tardes con Apego maio e xuño

Programa de actividades para os meses de maio e xuño:

Onde nace a lingua | Marta Ortiz
Espectáculo-obradoiro para a primeira infancia, que xorde da colaboración entre a narradora oral Marta Ortiz e o filólogo Brais Gutiérrez. A proposta bebe da tradición oral galega e mestura narración oral, xogos fonéticos, cantos, trabalinguas e explicación filolóxicas co obxectivo proporcionar recursos e ferramentas para asentar a nosa lingua nas crianzas dunha maneira lúdica. 
Data: venres, 8 de maio.
Lugar e hora: salón de actos do Concello de Carnota |17:30 h
Destinatarios/as: familias con crianzas de 2 a 6 anos.
Duración: 45 minutos.
Requírese inscrición previa  (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.

A Leira das Primeiras Palabras| Marisa Irimia
Espectáculo de contacontos con historias cativadoras, xogos de repetición e dinámicas participativas para favorecer a adquisición da linguaxe e o apego ao galego na primeira infancia. Bebés e familias navegarán entre contos sinxelos e interactivos, rimas, sons e cancións, que fomentarán a exploración das primeiras palabras en galego.
Data: venres, 22 de maio.
Lugar e hora: Salón de actos do Concello de Carnota |17:30 h
Destinatarios/as: familias con crianzas de 1 a 4 anos.
Duración: 35 minutos.
Requírese inscrición previa (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.

Carapuchiña Vermella e os cinco lobiños | Ángeles Goás e Cristina Castro 
Espectáculo de narración oral e música en directo no que Carapuchiña Vermella vive unha aventura diferente. No seu camiño atopará cinco lobiños tan pequerrechos que caben todos xuntos na súa cesta. 
Data: venres, 5 de xuño.
Lugar e hora: Salón de actos do Concello de Carnota |17:30 h
Destinatarios/as: familias con crianzas de 0 a 3 anos.
Duración: 35 minutos.
Requírese inscrición previa (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.

A nena e os tres osos | Bea Campos (Migallas Teatro) 
Proposta teatral con monicreques e música en directo. Unha peza sensorial baseada nun conto clásico da literatura infantil. Nesta historia, unha maleta pode ser unha casa un caldeiro pode ser un asento e unha manchea de calcetíns pode ser... unha familia de osos!
Data: venres, 26 de xuño. 
Esta actividade está concertada coa Escola Infantil A Galiña Azul de Carnota e desenvolverase en horario escolar para o alumnado do centro (0-3 anos).


 

Comentarios