Venres. 26.04.2024
El tiempo

Veciñ@s polo mundo: "Sorpréndeme que os donos dos mellores hoteis do Río son da Costa da Morte"

Veciñ@s polo mundo: "Sorpréndeme que os donos dos mellores hoteis do Río son da Costa da Morte"
Lucia Sande de Lira ao Brasil Lucía Sande de Lira ao Brasil Contábanos a semana pasada Que pasa no Brasil? farta do tratamento internacional da situación política brasileira. Aló leva un tempo Lucía Sande, que hoxe coñecemos un pouco máis nesta sección que nos permite viaxar por todo o mundo sen deixar de falarmos con gheada e seseo.  
  • QPC: Como te chamas?
Lucía Sande Siaba.  
  • QPC: De onde es?
De Lira.  
  • QPC: Onde vives agora?
En Botafogo, un barrio da zona sur do Río de Xaneiro.  
  • QPC: Por que motivo te trasladaches aí?
Non estaba satisfeita co traballo que tiña aí e apareceu a oportunidade de trasladarme aquí temporalmente cunha bolsa da Xunta de Galicia.  
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches?
Cheguei o 6 abril,  fai cousa de case 2 meses.  
  • QPC: En que traballas?
Son profesora lectora na Universidade do Estado do Rio de Janeiro. Imparto aulas de Lingua Galega, Literatura Galega I e II e Cultura Galega.  
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?
A verdade e que levo aquí tan pouco tempo e hai tantas cousas que coñecer que aínda non tiven tempo para a morriña.  
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
Leo con frecuencia Quepasanacosta, ademais de outros xornais galegos. Tamén manteño contacto permanente coa miña nai que me vai contando as novas do lugar e co resto de amigos.  
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Aínda non podo responder a esta pregunta, pero creo que con unha me chegaría.  
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Canta xente tes traído de aí a visita a Costa? A canta lle tes falado dos nosos recunchos?
Pois creo que son unha boa embaixadora, ou polo menos pretendo selo. Encántame falarlle á xente da nosa terra, da lingua, das tradicións… Ademais, teño a sorte de que ese é, precisamente, o meu traballo.  
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?
A verdade é que non sabería por onde comezar. Se Lira ten arredor de mil habitantes, a área metropolitana do Rio conta con máis de 12 millóns. Atópaste tódolos días con xente moi diversa, hai moitísimo movemento e unha oferta cultural amplísima. Iso encántame.   Ademais, agora estamos entrando no inverno e non baixamos dos 20 graos. As semanas da miña chegada non baixabamos dos 35. Quen nos dera na Costa un pouquiño deste caloriño tropical! Unha cousa que me chamou moito a atención, e que na nosa terra non se ve deste xeito, é a grande desigualdade social. Mirar para os montes, que hai moitos, e velos ateigados de chabolas a medio construír é moi triste. Sobre todo cando están tan preto de grandes edificios de luxo.
  • QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Sen dúbida levaría o clima, a pesar ser abafante ás veces, dá a vida. Poder estar medio espido, tanto de día como de noite e facer vida na praia, é algo que non ten prezo. É tamén o que máis destacan os emigrantes máis velliños cos que teño falado aquí. Fálanche da terra con moita saudade, pero cando lles preguntas se volverían a vivir alí a resposta é: “mais é que alí fai tanto frío…” E traer… e que isto é tan grande que teñen de todo. Se cadra traería un pouco de sosego, ademais de vantaxes sociais que aquí aínda son bastante precarias. As universidades públicas, por exemplo, son as mellores, pero nos niveis inferiores o ensino público deixa bastante que desexar. Coa sanidade pública, a pesar de ter mellorado moito nos últimos anos (segundo me contan), pasa un pouco o mesmo.  
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?
Pois non sei… O outro día tiven a sorte de entrevistar a Evanildo Bechara, un recoñecidísimo lingüista na Academia Brasileira de Letras. Mentres estábamos falando entrou na sala unha muller xa maior só para ir ao baño. Esta muller resultou ser Nélida Piñón, xornalista e escritora brasileira que ademais foi a primeira muller en ser presidenta da Academia brasileira das letras. Toda unha autoridade que cando soubo que eu era galega xa sentou a falar con nós. Resulta que os seus catro avós eran de Cotobade (Pontevedra) e que o seu pai tamén naceu alá. Vai frecuentemente a Galicia, ten un relato titulado Finisterre e moitos recoñecementos da Xunta de Galicia. Até é membro de honra da Real Academia Galega. Eu, ignorante de min, non sabía nada diso. Casualidades da vida.  
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Xente de Santa Comba e de Negreira teño atopado, mais a maioría dos galegos que coñecín ata agora son da provincia de Pontevedra. Unha vez por semana vou tocala pandeireta co grupo de gaiteiros da Casa de España. Unha cousa que me chamou moito a atención é que parece ser que os donos dos mellores hoteis do Río son galegos, concretamente de Mazaricos. Mais estes, a pesar de estaren na dirección da Casa de España, déixanse ver menos.  
  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?
Nun principio, infelizmente, en decembro.  

Novas relacionadas

Veciñ@s polo mundo

Estes son algúns dos amig@s que xa temos visitado polo mundo. Se queres contarnos a túa historia ponte en contacto en [email protected].

Outros artigos migratorios

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios