As traballadoras do SAF de Carballo, Muxía e Ponteceso volveron á rúa por enésima vez
Pasan os anos e a situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar segue sendo de máxima precariedade. Levan 3 anos de mobilizacións por toda a comarca e por todo o país pero as súas condicións e a súa seguridade non mellora. Un servizo básico, externalizado a través de concesións as empresas privadas, que depende dos Concellos pero medio sufragado pola Xunta: a perfecta combinación para que ninguén faga nada, e que o sector dos coidados segue absolutamente esquecido.
Este xoves, volveron saír a rúa coincidindo coa primeira das dúas novas xornadas de folga convocadas pola CIG para reclamar unhas condicións de traballo dignas nas residencias de maiores e centros de día privados e nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF).
Se en Muxía pararon diante do Concello, en Ponteceso fixeron o propio na Praza do Recheo, mentres que as traballadoras carballesas sairon dende a Praza da Cruz Vermella até a Praza do Concello.
Estas novas xornadas de folga no sector de coidados súmanse ás desenvolvidas nos últimos meses para denunciar o inmobilismo patronal, tanto no convenio de residencias privadas como no de axuda no fogar, cuxas mesas de negociación están paralizadas “mentres a Xunta segue a mirar para outro lado, ignora as súas responsabilidades e se desentende das condicións nas que se prestan uns servizos esenciais como o dos coidados ás persoas maiores e persoas dependentes”.
No caso dos SAF, o convenio leva 12 anos caducado. “Cremos que xa é hora de que se senten, pero con seriedade e con vontade de chegar a acordos”, apunta a CIG-Servizos. O fundamental para o persoal é rematar cuns horarios “incompatibles coa vida persoal” e levar a cabo as valoracións de riscos nos centros de traballo, co establecemento dun protocolo actualizado que garanta a seguridade das persoas traballadoras. “Prestamos servizo en domicilios nos que se producen ameazas, acosos e agresións”, sinalan.
Seguridade
Por iso a CIG denunciou o feito de que a Xunta anunciase recentemente un protocolo de prevención, detección e seguimento ante situacións de violencia nos domicilios que contempla unicamente recomendacións e non medidas que garantan a seguridade das traballadoras, polo que reclama que o documento incorpore accións reais en materia de protección do persoal e de prevención de riscos e saúde laboral.
Outra problemática que se vive nos SAF ten que ver coa total ausencia de axudas técnicas para manipular as persoas usuarias con problemas de mobilidade, “o que se traduce en problemas de saúde e lesións que as mutuas laborais ignoran dicindo en moitos casos que son cousas da idade”.
Falta de persoal nas residencias
En canto ao sector de residencias e centros de día privados, a principal reivindicación pasa por aumentar os baixos ratios de persoal, até o punto de que nos días de folga o número de persoas traballadoras supera o existente en días normais. Esta escaseza de persoal provoca unha sobrecarga de traballo “brutal” que impide que as empresas poidan atopar persoal disposto a traballar nestas condicións laborais de precariedade derivadas dun convenio que expirou en 2024.
Ademais, boa parte do persoal cobra por debaixo do salario mínimo, pero complementa con pluses como antigüidade ou festivos e domingos. E ten que asumir tamén tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional, “polo que as coidadoras teñen que dar medicacións ao carecer de enfermeiras, e mesmo que atender pacientes con patoloxías psiquiátricas para as que non están formadas”.




