Xoves. 28.03.2024
El tiempo

80 anos sen 8 sindicalistas da fábrica de Brens

80 anos sen 8 sindicalistas da fábrica de Brens
Fusilados Franquismo Operarios Fabrica Cee Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeira, Domingo López Domínguez.   Apelidos coñecidos os dos homes que hai 80 anos perdían a vida. O 9 de decembro de 1936, ás 19:00 horas, o franquismo fusilaba en Punta Herminia a 8 operarios sindicalistas da Fábrica de Brens, xunto a outros traballadores e veciños de Cee e da bisbarra coma Jacobo González Mosquera, Avelino Trillo Casal, Cándido Lema Santos, José Díaz Cernadas, Manuel López, Domingo Trillo, Roberto Mayán... Veciños que foran delatados en sucesivas declaracións e informes do entón xefe da Fábrica de Brens, Eduardo Garrone de Cristóforis, quen ilustrou un relato subxectivo para presentar ante os golpistas aos mencionados veciños coma persoas “indesexables” e “perigosas” polo simple feito do seu compromiso e pensamento político e sindical; moi nomeadamente, acusounos de liderar unha folga de operarios da Fábrica de Brens, organizada o 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da propia factoría e do pobo de Cee. Nestes tempos de loitas sindicais na defensa dos postos de traballo da mesma fábrica de Brens, cómpre recuperar estas historias, como pretende facer a CIG con esta homenaxe. E cómpre agradecer o traballo do historiador e natural de Corcubión Luis Lamela e ao seu empeño en rescatar do esquecemento a memoria destes veciños de Cee e da Costa da Morte, coñecemos mellor a historias destas vítimas da barbarie.

Moción para un mellor recollemento

Nesta liña, e ante a pouca lembranza que hai no concello ceense sobre este asunto, o BNG ceense pedirá, vía moción, que o Concello de Cee exprese a súa condena do golpe de estado militar de 1936 e da posterior dictadura franquista, que retire o título de “fillo predilecto” de Cee a Eduardo Garrone de Cristóforis, e que se lle outorgue un maior recoñecemento póstumo aos seus veciños Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeira, Domingo López Domínguez.  

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios