A Biblioteca de Cee celebra o Día do Libro con Cervantes e Shakespeare
Con motivo do Día internacional do Libro a celebrar o 23 de abril, data instituida pola UNESCO en 1995 atendendo á casualidade de que a morte de Miguel de Cervantes se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare, e que neste ano estase a conmemorar o 400 aniversario da morte de tan célebres escritores, a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” acolle do 18 a 30 de abril, unha mostra bibliográfica de obras de Cervantes e Shakespeare, libros que proveñen do fondo bibliográfico da Biblioteca ceense integran esta exposición na que se pretende amosar o legado cultural que nos deixaron estes dous grandes autores da literatura universal.
”Manuel María na túa voz”
Así mesmo, e co gallo deste acontecemento cultural, a Biblioteca súmase á campaña desenvolvida pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos “Manuel María na túa voz” coa iniciativa “Recolle o teu poema”, que consiste en agasallar con poemas do escritor chairego, homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, a tódol@s usuari@s que visiten as dependencias do noso centro durante este mes de abril e o próximo mes de maio, buscando deste xeito, un achegamento á obra de Manuel María por parte daquelas persoas usuarias da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee.
Fonte
- Biblioteca de Cee.