A Costa da Morte, máis implicada que nunca no #8deMarzo


Concentracións
Así mesmo, a CIG baixo o lema “Sóbrannos as razóns”, anima a todas as mulleres a secundar paro, “para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”. E enumeran unhas cantas razóns para facelo: “cobramos menos ca un home (de media en Galiza, a muller ingresa 4.513 euros anuais menos); temos máis contratos a tempo parcial (o 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes e a taxa de temporalidade feminina situouse no 28,7% no ano 2017). Tamén temos as pensións máis cativas: a diferenza media entre as pensións das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%”. Por iso, invita a participar nas concentacións que se realizarán o propio xoves 8 de marzo diante da Casa do Concello de Carballo e na Praza 8 de marzo de Cee, que se celebrarán ás 12:30h.As Buseranas
O único colectivo feminista da Costa da Morte, a Organización Buserana, que se suma á folga e anima aunha mobilización local conxunta e unánime das e dos representantes políticas/os locais, axentes sociais e cidadanía en xeral. Coma sempre, a cita principal será este mesmo xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Pza. 8 de marzo de Cee, onde esperan que haia máis xente que nunca.
As entidades sociais
Así mesmo, as Asociacións Petón do Lobo, Cova Crea, Ouriol do Anllóns e Contraminate, queren animar a participar con este consensuado manifesto feminista, na concentración que terá lugar diante do Concello de Laxe este xoves 8 ás 12:00 do mediodía:Asociacións da Costa da Morte e Bergantiños apoian a Folga Xeral Feminista do 8M. O 8 de Marzo, as mulleres galegas estamos convocadas á FOLGA FEMINISTA MUNDIAL. Celebramos a alianza entre mulleres para defender os nosos dereitos. A nosa unión foi a que conseguiu grandes vitorias. Con todo, sabemos que queda moito por facer. Esiximos que a defensa da vida e dos coidados se sitúen no centro da economía e da política.
En Bergantiños, muller e terra van da mán, pero nos derradeiros anos se está a producir unha febre desatinada e ambiciosa desde o goberno e os poderes fácticos dirixida ao acaparamento de terras agrícolas, nunhas condicións de auténtico espolio, empobrecemento do rural e sen retorno social para as persoas, como é o caso dos plans enerxéticos e de minaría.
Por outra banda, queremos que os homes en xeral comprendan dunha vez que o traballo doméstico e de coidados que facemos as mulleres é imprescindible. Coa folga de coidados, damos visibilidade a un traballo que ninguén quere recoñecer, na casa, no campo ou no mar, porque está mal pagado ou forma parte da economía somerxida.
Queremos políticas feministas, que respeten os recursos: a terra, o mar, o medio natural e os dereitos humanos e animais. Reivindicamos unha sociedade libre de opresións, de explotación e de violencias machistas. Chamamos á rebeldía e á loita fronte á alianza entre o patriarcado e o capitalismo que nos quere dóciles, sometidas e pobres.
ABONDA de discriminación salarial polo feito de sermos mulleres, de menosprezo e de acoso no ámbito laboral. ABONDA de infra-empregos nos talleres, supermercados e bares nunha comarca onde a presenza da muller na industria é minoritaria e subalterna.
ABONDA a invisibilidade da muller labrega, sostén da economía familiar!
Os nosos corpos non son mercadoría nin obxecto, e por iso, tamén facemos folga de consumo. Xa abonda de ser utilizadas como reclamo! (BASTA de mamoneo nas ofertas de traballo!)
O movemento feminista esixe o noso dereito a unha educación pública, laica e feminista, libre de valores heteropatriarcais desde os primeiros treitos educativos, nos que as profesoras somos maioría.
Dicimos ABONDA ao racismo e a exclusión. Berramos ben alto: non ás guerras e á fabricación de material bélico!
Esiximos a acollida de todas as persoas migradas, sexa polo motivo que for. Denunciamos a inxustiza que implica ser nacida nun punto conflitivo deste mundo. Somos mulleres libres en territorios libres!
VIVAN A FOLGA DE COIDADOS, DE CONSUMO, LABORAL E EDUCATIVA! VIVA A FOLGA FEMINISTA!
Actos municipais
Mentres, son moitos os concellos que van realizar actividades arredor do Día.Cada día é 8 de marzo en Zas![]()
A proxección dun documental, dúas charlas e un escrito son as actividades propostas polo Concello de Zas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que terá lugar este xoves, 8 de marzo. Esta campaña reivindicativa, posta en marcha pola Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística – encabezada por Patricia Fariña – e o Centro de Información á Muller – CIM –, céntrase en actividades dirixidas a toda a veciñanza e, especialmente, aos que serán as mulleres e os homes de mañá.
Así, o salón de actos do IES Maximino Romero de Lema acolle o mércores 7 entre as 09:30 e as 11:30 horas unha xornada dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de Zas e do IES de Baio na que, en primeiro lugar, se proxectará o documental “Matriarcas”, dirixido por Ana Costa (natural de Zas) e a continuará cunha charla-coloquio na que participarán varias profesionais reivindicadoras do traballo da muller. Entre elas estarán Montse Fajardo - xornalista e escritora de libros como “Matriarcas”, “Silenciadas” e “Invisibles”, entre outros -; Carmen Valiña – xornalista, doutora en Historia Contemporánea especializada no mundo da Muller, directora do proxecto Periféricas e natural de Baio - e Marisa Amigo - empresaria e presidenta da Asociación Cultural e de Igualdade “A Pita Cega”.
“A muller traballadora no rural” será o título da charla que terá lugar o xoves, 8 de marzo, ás 18 horas no Centro Sociocultural de Zas que impartirá Inés Pequeño, asesora xurídica do CIM de Zas. A sesión é aberta a toda a veciñanza.
Ademais destas actividades, o CIM de Zas vén de publicar un escrito no que salienta o traballo das mulleres traballadoras no rural – eido no que se encontra o Concello de Zas – e a través do cal critica o longo camiño que queda por percorrer en termos de igualdade entre mulleres e homes dentro de sectores como o agrario. O escrito completo pode verse neste enlace.
"A igualdade tamén é cousa nosa" en Malpica

Paro en Muros
En Muros non organizaron nada para o propio 8 de marzo, máis que a concentración para as 12:00h na praza do Concello (que vai ser potente), para reservar un dereito a folga que vai exercer a propia alcaldesa, María Xosé Alfonso. Ademais hai estas actividades.
Os lavaduiros de Mazaricos
Os lavaduiros foron testemuñas da explotación da muller polo sistema patriarcal. Por iso, e debido á mala previsión meteorolóxica para o día 8, o 17 de marzo, o Concello de Mazaricos fará unha ruta por estes elementos para, simbolicamente, lavar as discriminacións do pasado e abrir un novo tempo de igualdade.
"Superheroínas da vida cotiá" en Carballo

Muxía

Linguaxe nas administracións de Corcubión

Laxe con M de Muller
Baixo as etiquetas “#Cóidate, Quérete”, o Día Internacional da muller celébrase en Laxe con Me de Muller cun completo programa que dura todo o mes, con Exposición, teatro local e moito máis. O 8 haberá unha concentración e lectura de manifesto ás 12:00h diante do Concello. Podedes ver o programa completo aquí:
Contos para a igualdade en Ponteceso
Da área de Bibliotecas do concello de Ponteceso, dirixida polo concelleiro e portavoz do BNG, Carlos Penedo, organiza varias citas que terán lugar os vindeiros venres ás 18:30 na biblioteca municipal de Ponteceso:- 9 de Marzo, venres, Soledad Felloza. Contacontos. “Contos para cambiar o mundo”
- 15 de Marzo: xoves, Tero Rodríguez. Contacontos. “Tecendo con Estela”
- 21 de Marzo. mércores, Contacontos. “Polo corvo do Vento”, a partir do libro “Un ronsel de ardora”, pequena biografía de Ánxeles Alvariño.

Apoio municipal en Vimianzo
O goberno municipal de Vimianzo envía un comunicado no que asegura que respecta o dereito á folga por parte das mulleres que decidan exercelo neste 8 de marzo. Ademais “quere manifestar a súa solidariedade coas mulleres na loita en prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Desde o goberno municipal de Vimianzo compartimos os obxectivos e as reivindicacións que xustifican a convocatoria desta folga. Consideramos que é necesario rematar definitivamente coa fenda salarial existente, facendo efectiva unha reivindicación tan xusta, e lóxica, como que “a igual traballo, igual salario””.Novas do 8demarzo
- Laxe escribe marzo con M de Muller.
- As Buseranas animan a participar na internacional folga de mulleres do 8 de marzo:
Outras novas relacionadas
- Buserana: “Ser muller non é delicto. Tampouco no Nadal”.
- Repaso ao 25N-2017: A Costa da Morte colgouse o cartel de Espazo Libre de Violencias Machistas.
- O alumnado de Camariñas di NON ás Violencias Machistas en clave audiovisual.
- Zas súmase ao pacto das Buseranas para loitar contra a violencia de xénero.
- 10-11-17: 15 concellos da bisbarra aprobaron ou teñen previsto facelo a moción de Buserana por un pacto contra a Violencia de Xénero
- 03-07-17: O Concello de Cee, o primeiro en aprobar por unanimidade a moción contra a violencia de xénero da Buserana.
- 16-06-17: Buserana propón aos Concellos da bisbarra asinar un Pacto contra a Violencia de Xénero.
- Un #25N en violeta e En Negro
- A fisterrá Lucía Costa fai unha rapsodia fotográfica á muller.
- #25N: Os estudantes súmanse á loita contra a violencia de xénero.
- #25N: A Buserana volve saír á rúa contra a violencia de xénero
- #25N: A loita contra a violencia de xénero dende os escaparates.
- Máis de cen establecementos de Zas tinguiranse de negro para loitar contra a violencia machista
- Carballo e Zas súmanse á campaña “En negro contra a violencia”
- O día da Muller deixa poucas celebracións e moitas reclamacións na Costa da Morte.
- O Día da Muller, esa data que non debería existir
- I Gala Solidaria do Día da Muller: Implicadas en que o Día da Muller non sexa unha efeméride.
- 29-01-16: Basta Xa! Berremos ata que non haia máis violencia contra as mulleres.
- As Buseranas alzan a voz contra o machismo tras un verán negro.
- A Buserana alza a voz contra a Violencia de Xénero e critica que non se trate como asunto político prioritario.
- Buserana cumple 15 anos loitando polos dereitos da Muller.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)