A eterna última achega para a Casa da Cultura de Cee


Xa non sabemos nin como poñelo. As últimas promesas sinalan que a Casa da Cultura de Cee estará lista para o Nadal. Pero a verdade, a desconfianza é xeralizada, despois de case 15 anos de retraso na súa posta en marcha. 15 anos, que se di pronto.
O caso é que pensabamos que xa tiñan todas as partidas necesarias aprobadas e postas sobre a mesa, despois das 3 “últimas e definitivas” que anunciaron por todo o alto nos dous últimos anos. Hoxe a Deputación anuncia outra “última achega” de 27.284,25 euros para adecuar as oficinas da entreplanta segunda da Casa da Cultura. Con este orzamento, que asume en solitario a Deputación, vanse realizar traballos de pintura e carpintería, a instalación eléctrica e fontanería. En total, a colaboración do ente provincial con este proxecto supera os 350.000 euros, cun orzamento total empregado de máis de 3 millóns de euros.
Veremos se este é o “empurrón definitivo” e efectivamente en Nadal pode trasladarse para aló a Biblioteca e demais.
Un parque infantil no Paseo
A achega da Deputación serve tamén para a construción dun parque infantil no paseo marítimo. Instalaranse xogos infantís para nenos dende os 6 meses aos 12 anos e adaptados a persoas con discapacidade. Haberá ramplas, casetas e unha pirámide tridimensional de cordas. A obra inclúe pavimentos diferenciados entre a zona de paseo e a de xogos. Esta última será de caucho mentres que no resto se utilizará unha tarima de madeira para exteriores e céspede reforzado. Tamén se intervirá no peche e muro de contención existente. En total, esta obra ascende a 49.898,55 euros, que achegará en solitario a Deputación.
Obras en Berroxe
Un orzamento similar, de 43.517,17 euros, recibirán as obras de acondicionamento das rúas interiores do lugar de Berroxe, que tamén asumirá en solitario o ente provincial. A previsión é intervir en case todas as rúas do lugar, substituíndo o pavimento e os sumidoiros en mal estado. Con estes traballos preténdese revalorizar este núcleo rural.
E seguindo coas estradas, acondicionarase a rúa Estatuto de Autonomía de Galicia por 10.733,03 na zona máis próxima á esquina noroeste do Centro Comercial Finisterrae no Recheo. Trátase dun pequeno tramo de estrada que nunca se chegou a urbanizar. Así, pavimentarase a calzada con aglomerado asfáltico e bordo de formigón, así como a beirarrúa con baldosa hidráulica.
aNova a nova
- 22-09-14: A Casa da Cultura de Cee estará lista por Nadal.
- 14-08-14: “Espero que nuns meses poidamos gozar da Casa da Cultura de Cee”.
- 07-07-14: 348 butacas para a casa da cultura de Cee.
- 05-11-13: Ogando realizará as obras da posta en funcionamento da Casa da Cultura de Cee.
- A Operación Orquesta por Concellos (IV): Cee.
- 26-03-13: A Casa da Cultura de Cee abrirá a medias.
- 15-02-13: O último impulso á Casa da Cultura de Cee?.
- 31-08-11: Repaso ao sumario da Operación Orquesta (VII): Falseando a Casa da Cultura.
- 25-03-11: A Casa da Cultura de Cee abre por fin as súas portas.
- 07-09-10: Última partida para a Casa da Cultura de Cee.
- 13-01-2009: Cee emprega o Fondo Estatal na Casa da Cultura e nas parroquias.
- 30-09-08: O Ministerio dá un novo impulso á Casa da Cultura de Cee.
- 18-08-07: A Casa da Cultura de Cee rematarase no 2009.
- 12-09-07: A Deputación axudará para a finalización da Casa da Cultura de Cee.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).