A experiencia de APEM na Radio Nordés recibe un premio de integración e normalización


Nós témolo comprobado de primeira man e a verdade é que a tertulia que realizan os membros de APEM na Radio Nordés, é un auténtico exemplo de integración e normalización da diferencia. Por iso, e porque levan xa 15 anos funcionando, a sección semanal que guía Josiño Mira coas persoas con problemas de saúde mental da entidade recibirá o IV Premio José Luís Muruzábal do Consorcio das Mariñas.
A colaboración de APEM na emisora ceesa incrementou nos últimos anos a súa presenza no espazo radiofónico, xa que con carácter mensual tamén entrevistan a personaxes destacados ou de actualidade da Costa da Morte, ademais de colaborar coa sección de deportes da emisora.
O xurado do certame, de carácter multidisciplinar, integrado por un conxunto de profesionais das distintas áreas que interveñen neste campo: psicoloxía, traballo social, educación social, técnica de inserción social, mediciña, enfermería e pedagoxía e presidido por Jose Antonio Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas, destacou o carácter comunitario do proxecto, ao trasladar á poboación en xeral a problemática da saúde mental dende unha visión integradora e normalizadora a través dun medio de comunicación.
Finalmente e dende o punto de vista da persoa enferma mental trátase dunha técnica de traballo en si, entendida como unha actividade rehabilitadora e de inserción.
O premio será entregado o vindeiro luns 23 de outubro nun acto no Centro de Rehabilitación Psicosocial que ten a Asociación APEM en Culleredo, ubicado na casa Rosa do Burgo. Nese acto no que se realizarán distintas actividades farase entrega ao responsable de Radio Nordés deste galardón.

Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).