A Mesa amplía a súa campaña de difusión e promoción do galego en Cee
07:25 12/11/15
A Mesa levará a cabo unha campaña en Cee para promover o uso de galego
Despois de o pleno de Cee rexeitase o apoio ao Regulamento de promoción do uso do galego nos concellos, A Mesa pola normalización pon en marcha unha campaña con diversas accións que se levarán a cabo na vila ceense. Así, despois da concentración do domingo diante do concello de Cee continuará coa súa campaña de difusión e promoción do regulamento de promoción do galego que, segundo indicaron, “é absolutamente necesario para que o galego non sexa nunca máis unha lingua de segunda”, mais polo contrario “que a situación a todos os niveis sexa de auténtica igualdade, para que todo o pobo de Cee poda facer a súa vida en galego e nomeadamente nas súas relacións coas administracións e servizos públicos con absoluta normalidade e sen que iso supoña discriminación nin perda da calidade do servizo ou atención”.
Mesa redonda
Ademais do reparto de folletos explicativos que realizará o domingo en Cee despois da concentración prevista, a Mesa indica que quere contribuír ao coñecemento sen manipulacións da realidade a respecto do galego, tamén amparada por unha legalidade que, aínda sendo precaria, existe. Por esta razón organizan unha mesa redonda baixo o título "A necesidade e legalidade da normalización nos concellos" que contará coa presenza da sociolingüísta e profesora da UdC Pilar García Negro, da profesora de dereito da USC Alba Nogueira, de Nel Vidal, presidente da coordinadora de traballadores e traballadoras de Normalización, e Marcos Maceira, presidente da Mesa. Trátase de desmontar falsidades e prexuízos contra a lingua galega como os que se fixeron públicos estes días e utilizados incluso, sen un mínimo de rigorosidade no pleno de Cee, así como a resolver dúbidas sobre o proceso de normalización nos concellos. A cita será o luns 16 de novembro ás 19:00h na Casa da Cultura de Cee. “O debate técnico e as dúbidas que podan existir deben ser resoltas mais non facernos saír do obxectivo de normalización posto en cuestión polo grupo socialista de Cee, utilizando argumentos falsos e contra a realidade que indican todos os estudos, insultando as persoas e colectivos que lexitimamente queremos a reposición e rehabilitación do galego, e mesmo atrevéndose a negar que o galego sexa a lingua propia de Galiza”, sinalaron desde a entidade en defensa da lingua galega. Neste sentido e en relación ao comunicado feito público polo PSdeG-PSOE, da Mesa afirmaron que “negar que aconteceu o que aconteceu, e que foi perfectamente recollido polos medios de comunicación, é unha actitude infantil que non soluciona nada”. En calquera caso, engaden, “a mellor maneira de demostrar que efectivamente están a favor do galego, do seu uso, da súa normalización e reposición é mostrándoo publicamente, eliminando prexuízos, utilizándoo e facilitando a súa utilización sen obstáculos”, e polo tanto “apoiando a proposta de regulamento de normalización proposto polo concello de Cee, similar aos aprobados no seu momento por outros concellos, algúns gobernados polo PSOE”. Novas relacionadas- A Mesa convoca un acto para promover o uso do galego en Cee
- Galicia Bilingüe levará aos tribunais a ordenanza do galego se sae aprobada polo pleno de Cee
- Cee queda sen regulamento para o impulso da lingua galega pola negativa de PSOE, PP e Ciudadanos
- Redacción QPC ([email protected])
- A Mesa