A tráxica e real historia, erro tras erro, do inoperante heliporto de Salvamento da Costa da Morte

14:20 16/09/15

Contexto histórico do Servizo de Salvamento en España e Galicia

Números tráxicos e penosas dotacións
Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, entre 1990 e 2004 producíronse máis de 100 naufraxios, nos que faleceron 266 marñeiros e outros 70 nunca foron recuperados polo que engrosan a lista de desaparecidos, o que implica que non poidan ser computados como falecidos. Así mesmo, este estudo engade que o 80% dos mariñeiros falecidos en accidentes marítimos son galegos. A estas cifras hai que sumarlle 11 anos máis de naufraxios e traxedias que pese ao aumento de formación e incremento de medios segue sendo algo tristemente habitual. Ante a estatística humillante, Galicia dótase de 3 helicópteros de rescate, 2 pertencentes á Xunta de Galicia “Garda Costas de Galicia” situados en Vigo e Celeiro (Lugo) e 1 helicóptero pertencente á organización estatal SASEMAR (Fonte: Salvamento Marítimo).Proxecto para un 4º helicóptero para Galicia (2008)
En 2008 publícase nun xornal de tirada nacional o plan da Xunta de Galicia para dotar dun cuarto helicóptero de rescate con indicativo Pesca 3: Os plans da Xunta prevén construír o heliporto nunha das zonas máis castigadas polos accidentes no mar para que opere en rede cos centros de Celeiro e Vigo. O Goberno galego ultima a ubicación desta estación intermedia nun porto aínda por determinar da Costa da Morte. Con ese obxectivo, Pesca xa encargou a unha consultora independente un estudo sobre o modelo de helicóptero máis eficaz para operar nas condicións meteorolóxicas e coa oreografía de Galicia. Fontes do sector confirmaron a este diario que unha empresa especializada en aeronáutica analiza os dispositivos de Salvamento en países con condicións parecidas como Irlanda, Escocia ou Canadá, antes de elaborar un informe que axude á Xunta a dencantarse por un aparello.” (Fonte: El País). Ante o cambio de goberno da Xunta, daquela formado por PSOE- BNG e relevado polo PP, desestímase a construción da base e a compra dun terceiro helicóptero para Garda Costas de Galicia. Este proxecto é recollido polo goberno central de España, concretamente polo Ministerio de Fomento, o cal destina unha partida orzamentaria para a compra dunha aeronave e a execución das obras pertinentes da súa base que adxudicaría á empresa pública Tragsa. En 2010 chega a Alvedro (A Coruña) a nova aeronave de Salvamento Marítimo que irá destinada máis tarde a Cee, onde se constituirá a súa base. Trátase dun AugustaWestland 139, unha aeronave implantada no resto do territorio Español por SASEMAR salvo senllas excepcións (Coruña e As Palmas). “Trátase dun dos mellores helicópteros en canto a tecnoloxía e prestacións para a procura e rescate”. A chegada deste helicóptero levantou máis dunha crítica, sinalado como un dispendio(o custo deste helicóptero supera os 13 millóns de euros) ao posuír Galicia xa 3 helicópteros para devandito fin. Moi pronto quedou patente a necesidade deste helicóptero, a mediados dese mesmo ano 2010 afúndese a 52 millas náuticas un buque cargueiro chamado North Spirit. O buque “North Spirit”, que desde onte pola tarde permanecía cunha gran escora a 52 millas ao norte de Cabo Ortegal terminou por afundirse ás 5:55 desta mañá, hora local. Os seus 17 tripulantes, 9 ucranianos e 8 rusos, foron rescatados onte pola tarde en bo estado polos helicópteros “Helimer 208” e “Helimer 211” de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento e “Pesca II” da Xunta e trasladados á Coruña.” (Fonte: SASEMAR web). Para a evacuación de 17 tripulantes foron necesarios 3 dos 4 helicópteros, polo que quedaba nese momento o Pesca1 (Vigo) a disposición de calquera urxencia que se puidese producir nese momento en calquera punto do litoral galego. Quedou patente xa ao pouco de chegar á Coruña que este helicóptero era necesario e, pese ás críticas de certos sectores que non lle auguraban unhas boas prestacións para o rescate nas condicións meteorolóxicas típicas de Galicia, este rescate deixou claro que non era así.Chegada do helicóptero á Costa da Morte (2012)


A imposibilidade de voar pola noite
Tras uns meses de traballo na base con suposta normalidade, prohíbese o voo nocturno na nova base. Os motivos que levan a prohibir o voo nocturno é a pésima meteoroloxía circundante á base: densos bancos de néboa, fortes rachas de vento e unha ubicación temeraria da propia infraestructura da base que xera un alto risco. Para o non versado en helicópteros cunha simple ollada á base poderase dar conta que a base está encaixada no fondo dun pozo, rodeada de arboredoe unha casa a menos de 50 metros. Os motivos oficiais desta limitación son puramente meteorolóxicos e de pequenos arranxos de iluminación, aparentemente nada complexo. ”Segun AESA (Agéncia Estatal de Seguridade Aérea) prohibiu os voos nocturnos nesa base ata que se instalase unha estación meteorolóxica e se habilitara o alumado necesario” (Fonte: Interviú – nº 2042). ”O Helimer destinado na Costa da Morte ou calquera outra das aeronaves de Salvamento Marítimo que precise facer uso da base de Ruibo, na parroquia ceense de Lires, poderá facelo tamén de noite nun prazo aproximado de 12 días.” (Fonte: La Voz de Galicia – 30/11/2012). Mentres tanto, o helicóptero, unha vez se metía o sol, quedaba invalidado para poder voar, o que en realidade se traducía ante un afundimento ou calquera urxencia no mar pola noite ata nas inmediacións como pode ser a entrada da Ría de Corcubión, ou nas mesmas pedras da costa circundante, o helicóptero de máis de 13 millóns non podería despegar dunha base que custou máis de 2 millóns de euros do orzamento público para efectuar o rescate. Isto xeraba a activación do helicóptero de Vigo (Pesca1) ou o Helimer da Coruña, cos seus suntanciosos e elevados tempos para chegar a unha urxencia que pode agravarse en minutos. Pese a iso a empresa adxudicataria da obra da base, a empresa pública Tragsa afirma na súa páxina web: ”Construción dunha base de helicópteros de Salvamento Marítimo, cumprindo a normativa de Aviación Civil e normas de seguridade para aeronaves e usuarios. Estudáronse dous rumbos de dirección de aterrizaxe e despegue compatibles coas normas de contaminación acústica e restrición de obstáculos.” A crispación nos medios de comunicación e da xente ía en aumento, o 14 de Agosto do 2013 a 500 metros do monte onde se sitúa a Base de Cee unha persoa é rescatada a plena luz do día polo helicóptero Pesca 1 (Vigo), tras realizar varias preguntas, confírmase que o helicóptero de Cee atópase desprazado na Coruña para substituír uns días ao vetusto Helimer Galicia (recentemente relevado por un moderno Airbus EC-225, logo de 20 anos en España e outros tantos de alá onde viñese pois era de segunda man), parece ser que estas substitucións víñanse facendo de xeito habitual. ”Desde o pasado mes de setembro perdéronse ou quedaron practicamente irrecuperables catro barcos, o último este mesmo xoves, o Segundo Irmáns Papín, que quedou feito añicos contra as rocas de Punta Finsín, a medio camiño entre O Ézaro e Gures.” (Fonte: La Voz de Galicia – 14/12/2013). ”Catro marñeiros foron rescatados onte sans e salvos do naufraxio do pesquero no que faenaban na costa de Carnota e que afundiu rapidamente tras sufrir un golpe. O Laberco, un buque de artes menores con base en Fisterra, chocou contra unhas rochas [...] Salvamento Marítimo ás 10.04 horas de que o pesqueiro estaba afundindo e necesitaba asistencia urxente, polo que o organismo dependente do Ministerio de Fomento trasladou de inmediato ao lugar un dispositivo de rescate formado pola embarcación de intervención rápida Salvamar Regulus e o helicóptero Helimer 203 -con base no heliporto de Sasemar en Cee-“ (Fonte: La Opinión de Coruña – 06/09/2013) Parello ás polémicas levantadas ante a falta de operatividade do helicóptero pola noite, ou os tempos de resposta ante as urxencias, máis do desexado, chegou por fin ao Parlamento de Galicia con varias intervencións. ”A Xunta asegura que non pode garantir a operatividade plena do helicóptero de Salvamento Marítimo con base en Ruibo (Cee), o Helimer 203. O subdirector do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, informou onte de que a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) intenta paliar as necesidades do heliporto de Ruibo para a entrada en funcionamento da aeronave nesta base, aínda que subliñou que non se pode garantir a súa plena funcionalidade debido á formación de néboas e a climatoloxía adversa da zona.” (Fonte: La Opinión de Coruña – 15/11/2014).O peche da base de Ruibo (2014)
A opción final executada por SASEMAR con devandita base foi o seu peche e traslado ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela), algo completamente irresponsable, un helicóptero de rescate marítimo metido a máis de 70 quilómetros da costa, ao que se lle suma o réxime de gardas non presenciais o cal aumenta o tempo de resposta… ”Sexto acusou ademais ao anterior Ministerio de Fomento (do partido socialista) de elixir unha ubicación da base con “serios desaxustes” e reprochou que a Xunta recibiu en 2008 o informe dos técnicos sobre o emprazamento da base un mes logo de encargar o helicóptero”. “O Goberno bipartito gastou 1,8 millóns sen saber se o lugar ía ser o mellor para o heliporto”, apuntou.” (Fonte: La Opinión de Coruña – 15/11/2014).
Escurantismo
Esta problematica está aínda máis empañada polo escurantismo ao que xa estamos afeitos por parte das administracións implicadas, desgraciadamente ninguén competente dá o paso de explicar abertamente os erros cometidos con esta necesaria base. Unha e outra vez as referencias desde Garda Costas de Galicia, que non operan nesta base mais si iniciaron este proxecto, e SASEMAR fan mencións a que a base non pode operar pola ubicación e a meteoroloxía. A súa solución é aparentemente dotar a base de luces e unha estación meteorolóxica. A ollos dun profano na materia parece insuficiente, unha estación meteorolóxica simplemente confirmará o que empíricamente estase observando, pero non por iso poderase operar.Por que non se fixo no Porto de Brens?

Que conclusións podemos sacar?
O proxecto iniciado pola Xunta de Galicia presumiblemente para o porto de Cee, foi finalmente executado polo Ministerio de Fomento. A día de hoxe e por falta de transparencia nada se sabe do motivo que levou á elección técnica de situar a base no medio dun val pechadoe non no porto con saída directa ao mar como era previsto nun principio. Nada fai pensar que se vaia a retificar e cambiar a ubicación da base, pese a que se reitere, unha e outra vez, que unhas luces e unha estación meteorolóxica bastaría. A día de hoxe xa está instalada pero os ventos racheados, as néboas, os obstáculos como casas e arboredo seguen onde estaban ata antes de chegar alí a base. A necesidade dese cuarto helicóptero quedou clara xa desde a súa chegada á Coruña, o que non é coherente é afirmar que “non hai diferenza ningunha saíndo de Santiago que estando en Cee”, é máis, ou non se pensou ben antes de conxugar esta afirmación ou só pretendíase rirse do cidadán, do marinero que mañá estará esperando nunha balsa salvavidas ou sobre o seu bote hundiendose. Que hai detrás disto? A falta de ética política duns, profesional outros, de non rectificar, saír diante dunha cámara e entoar o mea culpa, mover esa base e facela como debía ser desde un inicio, garantindo a seguridade dos profesionais do rescate e dos que faenan nunha das costas máis castigadas de Europa. A isto engadimos o que xa moitos denunciaron, un desmantelamento progresivo da base ata a súa total desaparición. A última novidade é o cambio de helicóptero que está en Santiago de Compostela polo vello e avariado helicóptero de 40 anos que foi remplazado non hai moito en Coruña. O mar e as súas xentes, sempre fican envoltos en pugnas ideolóxicas, galimatías competenciaís e, en definitiva, esquecidos. Sería dicir moito que pola falta de rigor, coherencia, sentido común, algúns dos naufraxios acontecidos desde a chegada do modernísimo Augustawestland á Coruña no 2008 quedaron desantendidos por estár mal situado? Así o entenden en varias cofradías de pescadores que se viron afectadas, así como algunhas plataformas en defensa do sector marítimo. Facendo nosas as palabras da parlamentaria Laura Seara: “A construción dunha base de salvamento marítimo na Costa da Morte foi unha demanda histórica dos traballadores e traballadoras do mar e da sociedade do devandito territorio que se concretou coa construción da base de salvamento de Ruibo, no concello de Cee, e o Goberno ten a obrigación de explicar cales son os seus plans respecto desta […] Seara acusa ao Goberno do PP de Rajoy e ao da Xunta de Galicia de Feijoo de levar “un ano mentindo”.Novas relacionadas
- 25-03-15: Era Ruibo o lugar idóneo para o Heliporto de Salvamento?.
- 18-02-15: Un simpático enterro polo finado Heliporto de Lires.
- 18-11-14: A Xunta recoñece a mala ubicación do heliporto de Lires despois de 2 millóns de euros de investimento.
- 28-10-14: Medio centenar de persoas concéntranse na base do heliporto de Rubio.
- 24-10-14: Unha campaña para recuperar o Helicóptero de Salvamento da Costa da Morte.
- 06-10-14: Un novo naufraxio en Muxía lembra a necesidade do helicóptero de Lires.
- 19-05-14: O BNG reitera as súas críticas polo abandono da Base de Salvamento de Lires.
- 16-05-14: O helicóptero non volverá á base de Lires.
- 28-03-14: Vai pechar definitivamente a base do helicóptero de Lires?.
- 06-03-14: Preocupación pola paralización do heliporto de Lires.
- 18-11-13: Por unha base loxística de Salvamento propia no porto refuxio de Brens.
- 23-09-11: En marcha o heliporto de Lires ante as fotos dos políticos.
- 31-03-2010: Fomento recupera a base de Salvamento de Lires que rechazou a Xunta .
- 31-05-09: A Costa queda sen o seu helicóptero de Salvamento.
- 07-03-08: A Costa terá unha nova base de Salvamento Marítimo.
- 09-10-07: Fisterra pode albergar unha base de helicópteros.
Outras novas
- 28-08-15: Remolcan un buque á deriva diante da costa fisterrá:
- 40.000 barcos atravesan cada ano o Corredor de Fisterra.
- Sardiñeiro. Un porto sen barcos.
- Que foi do Plan de Usos do porto de Brens?.
- Exercicio de Salvamento do helicóptero de Lires.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).